As Bestas: Galicia progresista

Os premios Feroz e, de seguro, axiña os Goya certificarán como película española de 2022 a unha cuxo personaxe principal é o noso país, Galicia. Moitos xa irían a vela, outros escoitarían falar da mesma. Chámase As Bestas. Moi recomendable. Un peliculón, asfixiante, orixinal no seu desenvolvemento e cunha actuación, a de Luis Zahera, merecedora de todo canto premio canto haxa. 
 

Pero a película de Rodrigo Sorogoyen tamén está marcada por certa polémica, moi destes tempos e á vez de longa tradición. Porque mestúranse o vello –e ás vexes xustificado– aldraxismo galego coas batallas culturais da actualidade, comandadas pola necesidade de indignación. Cóntolles. O filme, inspirado en feitos reais, conta a historia dun matrimonio francés –aparentemente ilustrado e progresista– que marcha vivir a unha aldea da montaña galega, onde non son ben recibidos pola maioría dos residentes, en especial por dous irmáns –aparentemente primitivos e reaccionarios– que os odian, sobre todo por negarse á venta do monte comunal para instalar eólicos. 
 

O sempre malhumorado patrioterismo galego (non confundir co galeguismo) considera un insulto que se debuxe así aos galegos, como se eses que saen na pantalla foran a nosa representación absoluta, como se non houbera por aquí xente así. É tan infantil que dá preguiza rebatilo. Mesmo se queixan de que na película os galegos falen en galego, o que non deixa de resultar contraditorio e disparatado. É o que pasa cando se funciona co automático, en base a catro slogans e cinco antigas ideas fixas. 
 

O peor do asunto é que ese enfoque limitadiño sobre As Bestas está eclipsando o gran e incómodo debate que propón a película, que a pesar de desenvolver unha base de guión que é universal –no fondo é a mesma historia que Perros de Paja ou La Matanza de Texas– si se axusta moi ben á particularidade galega. A clave está nesas aparencias das que antes lles falaba. A parella de franceses son ilustrados e progresistas. Os irmáns da aldea, primitivos reaccionarios. Visto así, parece claro por quen tomar partido, máis para os que nos consideramos de esquerdas. Pero, e se iso non é así, senón xusto ao revés?
 

Como queda reflectido nun maxistral diálogo de taberna entre os contendentes, resulta que os galegos –presuntamente bestiais– reivindican o seu dereito ao ascenso social, a saír da pobreza, algo que só poden conseguir vendendo os terreos para a instalación de enerxias renovables. Ou sexa, que no fondo eses agrestes individuos pensan igual que un votante de Íñigo Errejón. En troques, os concienciados e cultos franceses, queren que todo se conserve tal está, sen avances, horta e vacas, un país puro e rural. Isto é, son conservadores, case fraguistas. 
 

Afondar e avanzar arredor deste debate, que este si que importa, é xusto o que necesita o futuro de Galicia.

As Bestas: Galicia progresista

Te puede interesar