Como saben, poucos días faltan para o Día Nacional de Galicia, denominación estatutaria do 25 de Xullo, que cadra o próximo venres, estamos atentos todos porque é feirado e hai nervios polo que anunciará MeteoGalicia. Si, somos un país con identidade chuviosa que prefire celebrar a súa xornada ‘patriótica’ con sol. E esa só é unha das múltiples contradiccións da galeguidade e o galeguismo, cousa que está moi ben, o normal, non somos unha comunidade perfecta. Diría máis: os dogmáticos que pensan que si podemos selo teñen moito perigo. Se somos galegos é por obra e graza da imperfección.
Por desgraza, os tempos de moralina que vivimos rexeitan con pavor as realidades complexas, para –no caso da maioría dos galeguismos, dunha banda e outra– centrarse en impostas arcardias, de evidente matiz carlista. Non hai máis que ver as publicidades que emiten a Xunta do PP e a súa presunta némese do BNG para comprobar que comparten un imaxinario de país idéntico, contemplativo, paralizante e topicazo.
Cóntolles. Vin un anuncio do goberno autonómico no que sae un gaiteiro diante da Catedral de Santiago, talvez símbolo do que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, chama “centralismo arcaico”, dada a súa concepción redutora, allea a mostrarnos ao mundo como a potencia de progreso que somos, onde a somos, nas urbes motor (á principal agora negáselle un grao de Medicina como antes lle roubaron a capitalidade). Iso fíxoo o Partido Popular. Enfronte, o Bloque chama ao seu ritual manifestante do 25X cun cartel ruralista, contra a industria europea, debuxo naif de río e montaña, de casas baixas, sen electricidade, de postal, ou sexa, aplicable á Galicia de 1896, non tanto á presente.
Do terceiro en cuestión, o PSdeG autonómico que debería liderar outra imaxe de país, modernista e urbana, na liña dos seus principais representantes –as alcaldías de Coruña e Vigo– pois polo de agora moi pouco, ou nada.
Galicia é unha nacionalidade próspera, protagonista dunha historia fantástica, que pode presumir do crecemento acadado no último medio século, mesmo a pesar da limitada ambición dos gobernos culturalmente conservadores do seu autogoberno, que, agás o de Fernando González Laxe de 1987 a 1989, foron practicamente todos.
E así chegamos a esta semana. Véspera dun Día Nacional de Galicia que imprime unha galeguidade e galeguismo apenas acorde ao que somos en 2025. Insisto, comunidade atlántica, dinámica, innovadora, moito máis centro do planeta que “periferia”. E, tamén, un país de barrios. Si, iso.
Quero pensar que algún día esa galeguidade e galeguismo que nos encolle cada 25 de Xullo terá o xesto definitivo cara onde máis galegos vivimos. Que é, en efecto, nos barrios urbanos e nas áreas metropolitanas. Os nosos bloques de pisos son tanto ou máis Galicia que calquera aldea dos Ancares. Abonda xa de reaccionarismo que considera a Ronda de Outeiro unha aberración pero Castro Caldelas un exemplo. Moi ben, pero nun sitio están 40.000 galegos, no outro 1.500. Eu, politicamene, escollo o primeiro, e paso moito de quen nos considera Babilonia.
Por iso, soño cunha Xunta que teña en conta os barrios, que agora non existen no imaxinario do partido gobernante nin tampouco para os outros dous importantes do Parlamento de Compostela. En definitiva, oxalá un día onde todo o mundo celebre o Día Nacional de Galicia sen tanta postal tradicionalista e si tamén con carteis nos que saian fotografías de Caranza, Coia ou a Agra do Orzán. Onde a xente. Onde o país galego. Onde a xenial imperfección.