A ópera electrónica "Papagena" chega este sábado a Oleiros

A ópera electrónica "Papagena" chega este sábado a Oleiros

Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este sábado 29 de outubro, ás 20.30, no Auditorio ‘Gabriel García Márquez’ de Oleiros. As entradas para o espectáculo xa están á venda a un prezo de 4 euros, máis gastos de xestión, na web entradas.ataquilla.com.

 

Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

 

"Papagena· é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre "A frauta máxica", de Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

 

Logo de seu paso por Oleiros, Papagena proseguirá a súa xira por outras localidades galegas nos vindeiros meses, cunha función cada fin de semana. Así, as seguintes citas van ser en Gondomar (5 de novembro), Celanova (6 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena están dispoñibles na páxina web da compañía, butacazero.net.

A ópera electrónica "Papagena" chega este sábado a Oleiros

Te puede interesar