A Xunta prestará apoio a preto de 200 persoas con discapacidade con axudas a asistencia e promoción da autonomía

A Xunta de Galicia publicou este martes a orde de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal para persoas con discapacidade.

A Administración autonómica dotou a esta orde, financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo, dun crédito inicial de 221.126,38 euros, aberto a ampliación no caso de que sexa necesario. A administración autonómica prevé beneficiar con esta convocatoria a máis de 170 persoas.

A través desta orde, as persoas beneficiarias poderán acceder a servizos de promoción da autonomía persoal tales como fisioterapia, formación prelaboral, atención psicolóxica ou logopedia, entre outros, así como servizos complementarios de asistencia persoal.

Poderán ser obxecto de financiamento as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 10 de decembro de 2017 e serán beneficiarias persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

Así mesmo, considerarase que cumpren con este requirimento os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluto ou gran invalidez; e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de xubilación por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Tamén poderán optar a solicitar as axudas as persoas que solicitasen o recoñecemento do grao de discapacidade con anterioridade á data de publicación desta convocatoria, quedando condicionada a percepción da axuda a que lles sexa recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica. O prazo para a súa presentación será dun mes, contado a partir deste mércores.

A Xunta prestará apoio a preto de 200 persoas con discapacidade con axudas a asistencia e promoción da autonomía

Te puede interesar