Os sindicatos agrarios auguran para mañá unha "mobilización histórica"

As tres organizacións agrarias galegas UUAA, ASAJA-Galicia e SLG, auguraron hoxe nun comunicado conxunto que a manifestación de mañá en Santiago de Compostela será "unha mobilización histórica na defensa do mundo rural galego e do seu principal activo económico como é o sector lácteo".

Os sindicatos informan de que, ata o momento, dispoñen de información de que son xa máis de 150 os autobuses que mañá se desprazarán á capital galega, "grazas á colaboración e solidariedade en moitos casos dos gobernos e as corporacións municipais".

Neste senso, resaltan que xa confirmaron a súa asistencia á marcha un terzo dos alcaldes de Galicia e preto do 80 por cento das corporacións municipais galegas contarán con representación.

Lembran que o 50 por cento dos municipios galegos teñen o leite como o seu principal activo e a situación do sector ten en risco máis de 100.000 postos de traballo directa e indirectamente ligados á gandaría.

Informan así mesmo de que os alcaldes e representacións municipais se manifestarán "xuntos e á marxe das diferenzas partidarias", tras unha pancarta co lema: "Os alcaldes galegos pola defensa do sector lácteo". EFE

Os sindicatos agrarios auguran para mañá unha "mobilización histórica"

Te puede interesar