A recuperación de terras álzase como ferramenta para loitar contra o abandono do rural e a anticipación aos lumes

A recuperación de terras álzase como ferramenta para loitar contra o abandono do rural e a anticipación aos lumes
Soutos mobilizados nas montañas do Courel a través do Banco de Terras | adrián armesto/aec

Co obxectivo de impulsar a mobilización das parcelas en desuso, a futura de Lei de recuperación da terra agraria facilitará a identificación destas leiras, así como as súas posibles utilizacións.

Este traballo será posible grazas a posta en marcha dun Mapa de usos agroforestais, no que se sinalará a maneira na que se poden empregar estas terras. Ademais, a súa catalogación permitirá ás administracións desenvolver distintas actuacións públicas neste eido.

Máis alá dos terreos destinados á agricultura ou á gandería, a futura lei contempla a creación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais. Estes terreos serán clasificados tendo en conta a súa capacidade produtiva  a partir da análise de factores físicos, ambientais, estruturais e socioeconómicos.

 

Investigación da propiedade

Tal e como reflicte o proxecto de aldea modelo de Trascastro, no Incio, un dos primeiros pasos para a súa posta en marcha é a procura dos terreos.

Para iso, esta lei promoverá a  investigación sobre a propiedade das parcelas e, no caso de que así se requira, a declaración de abandono ou infrautilización. Como consecuencia, esta lei daralle pulo á actualización do Catastro en Galicia.

Esta norma tratará de poñer en valor os terreos rurais, especialmente os abandonados, que precisan dunha intervención das administracións, co obxectivo de compartir o coñecemento sobre o estado dos solos.

Ademais, esta lei contempla a declaración de abondono ou infrautilización do solo, un proceso fundamental para fomentar a súa xestión.  

Aos propietarios destes terreos, chegado o momento, propóñenselle tres posibilidades: recuperar o terreo por eles mesmos e darlle un uso produtivo, cedelo a outra persoa para que poida sacarlle un rendemento ou introducilo no Banco de Terras. Algunhas destas parcelas son as que logo pasarán a formar parte de iniciativas como as aldea modelo ou os polígonos agroforestais.

 

Incentivos

Esta lei nace co fin de mellorar as condicións de vida do campo, tanto para os veciños que xa están establecidos como para os novos posibles habitantes.

Tendo en conta isto, a normativa establece diferentes incentivos económicos para tratar de impulsar a recuperación de terras e atraer novos emprendedores que vexan no campo galego o seu futuro

Entre estas medidas atópanse a mobilización de axudas públicas, liñas de crédito bonificadas e outros instrumentos financeiros

(sobre todo, préstamos garantidos cofinanciados por fondos europeos estruturais e de investimento) e contratos temporais de xestión pública.

 

Vantaxes fiscais

Ademais, tamén haberá incentivos fiscais para aquelas persoas que desenvolvan proxectos no rural, como pode ser a rehabilitación de vivendas, as aldeas modelo, ou a adquisición ou arrendamento de solo rústico.

Estas vantaxes tamén serán aplicables a aqueles propietarios que queiran ceder temporalmente os seus terreos ao Banco de Terras.  

Outro dos incentivos que contempla a lei é o vinculado ao imposto da renda para  favorecer o arrendamento das parcelas rústicas ao Banco de Terras. Tamén terán estes beneficios aquelas persoas que realicen unha transmisión ou arrendamento de terreos que se  incorporen aos polígonos, ás aldeas modelo ou ás agrupacións de xestión conxunta.

En definitiva, un compendio de medidas que impulsan o campo galego a través dunha mellora da xestión das terras.

A recuperación de terras álzase como ferramenta para loitar contra o abandono do rural e a anticipación aos lumes

Te puede interesar