jueves 22.08.2019

A RAG destaca o ensino como o “impelente” que marcou a vida de Antonio Fraguas

A Academia homenaxeou o escritor e investigador de Cotobade no Día das Letras Galegas

A RAG celebrou o seu pleno nas inmediacións da escola  situada na Carballeira de Famelga, en Cerdedo-Cotobade | s. sas (efe)
A RAG celebrou o seu pleno nas inmediacións da escola situada na Carballeira de Famelga, en Cerdedo-Cotobade | s. sas (efe)

A carballeira de Famelga, xunto á escola onde Antonio Fraguas pasou a súa nenez, foi testemuña da gran homenaxe institucional impulsada pola Real Academia Galega ao mestre, escritor e investigador de Cotobade, protagonista este ano do Día das Letras Galegas. “Explorador do mundo rural” e “Indiana Jones dos camiños” foron algúns dos apelativos escoitados durante o pleno extraordinario público celebrado pola institución en Cercedo-Cotobade.

A académica Fina Casalderrey destacou que, para Fraguas, “o ensino foi o impelente da súa existencia”, e lembrouno como un home que “explorou a cara oculta da lúa” na súa intensa obra e traballo para Galicia, cos seus bos e malos momentos.

“Entregouse á causa do galeguismo sen rancores nin vinganzas”, insistiu, lembrando que o intelectual fora “represaliado” por participar “intensamente” na campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía, o que o levou a que en novembro de 1936 fose “depurado e apartado da educación pública durante anos”.

A pesar de todo, “a docencia foi a súa armadura para resistir” e dedicouse a impartir pasantías ata que recuperou o exercicio da súa profesión na Facultade de Filosofía e Letras, e posteriormente no Instituto Masculino de Lugo e desde 1959 no Instituto Feminino de Santiago –actual Instituto Rosalía de Castro– “onde as súas alumnas chamábanlle San Antonio”, explicou a académica de número da RAG. 

Placa
Precisamente, o pleno da RAG –que contou coa asistencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo– estivo precedido polo descubrimento dunha placa na escola de Famelga onde Antonio Fraguas foi alumno do mestre Antonio Vidal Proenza, “outra persoa determinante no seu futuro”, sinalou o académico Clodio González na súa descrición do autor homenaxeado. Pola súa banda, o académico Francisco Díaz-Ferros analizou o perfil de Fraguas como xeógrafo, desde o punto de vista da paisaxe “e todo o que tiña que ver coa humanización miúda do espazo natural”. Así, comparou a Fraguas con Rosalía de Castro na súa consideración dos “vales e as augas como o marco da súa mirada de paisaxista” e á importancia que o autor lle daba á “comuñón do ser humano coa natureza”.

Comentarios