Preto de 5.000 explotacións optan este ano aos premios á calidade do leite cru

Preto de 5.000 explotacións optan este ano aos premios á calidade do leite cru
Medio Rural quere apuntalar deste xeito o fortalecemento da imaxe de calidade do sector leiteiro galego | quintana

Recoñecer a excelencia do proceso produtivo do leite cru en Galicia. Ese é o obxectivo do novo premio que a Consellería do Medio Rural, en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), vén de instituír no sector. Foi o pasado 30 de agosto cando a conselleira, Ángeles Vázquez, anunciou a creación destes galardóns, cuxas bases xa foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que xa teñen medio cento de seleccionadas para conseguir o premio deste ano.


Con esta distinción de excelencia galardonarase as explotacións gandeiras galegas pola súa calidade en tres categorías en función do seu tamaño –pequenas, medianas ou grandes– e, á súa vez, en tres grupos en función do sistema de produción. Ademais, haberá un recoñecemento específico para as mellores explotacións ecolóxicas.


“Decidimos crear este premio pola enorme relevancia económic, social e mesmo medioambiental e cultural que o leite ten na nosa comunidade”, sinalou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na presentación. E é que, segundo os datos que manexa o seu departamento, hai actualmente 4.905 explotacións gandeiras en Galicia que están en disposición de usar o distintivo de calidade “Galega 100%” ao cumpriren cos requisitos de excelencia na calidade do leite que promove o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e que poden formar parte do concurso.


No que atinxe aos datos provinciais, a que máis produtores ten neste apartado é a da Coruña, cun total de 2.393, seguida pola de Lugo (1.816), Pontevedra (667) e Ourense (29).


Desta maneira, a primeira selección para os galardóns deste ano xa se fixo a través dos controis de calidade do Ligal. Con eles, escolleuse medio cento de explotacións ás que se lles comunicou por carta a súa situación e ás que tamén se lles preguntou se autorizan a súa participación como finalistas nos galardóns.
De ser así, comezarán de contado as visitas de campo ás granxas, coas que o xurado terá que corroborar que as características das explotacións son as axeitadas, tanto a nivel de calidade como de categoría de concurso. Unha vez comprobado isto serán de novo os resultados das análises do Ligal os que establecerán as clasificacións finais.

Clasificación
De cara aos resultados, teranse en conta os datos do Ligal en canto aos recontos “microbiolóxicos e de células somáticas” para avaliar a condición hixiénico-sanitaria de cada unha das explotacións. Esta inclúe tanto o proceso de muxidura e a eficacia da aplicación de frío como a saúde do rabaño e, concretamente, das ubres das vacas.


En total serán nove os diferentes apartados nos que Medio Rural dará os premios. Así, para os tres grupos de tamaño –pequenas, medianas e grandes explotacións gandeiras– terase en conta a capacidade produtiva das granxas, polo que se tomarán como referencia as entregas de leite dos anteriores doce meses (de agosto a xullo de cada ano).


Á súa vez, no caso das conseguintes subclasificacións segundo o sistema de produción considerarase se se trata de explotacións intensivas, extensivas ou medias. Por último, establecerase un premio diferenciado para o caso das granxas leiteiras de produción ecolóxica.

Entrega
A entrega dos premios realizarase nun acto que a Consellería do Medio Rural organizará con tal fin e na que procederá á entrega un trofeo e un diploma acreditativo para os gañadores.


“Trátase, dunda banda, de agradecer dalgún xeito o labor daqueles gandeiros máis implicados co bo facer e, doutro lado, de contribuír á promoción dun produto clave para Galicia”, sinalou Ángeles Vázquez, quen asegurou que o galardón forma parte do traballo de fortalecemento da imaxe de calidade do sector leiteiro que se está a levar a cabo.

Preto de 5.000 explotacións optan este ano aos premios á calidade do leite cru

Te puede interesar