martes 1/12/20

Novas medidas para impulsar nas empresas galegas a formación á carta

Trátase de formar a persoas ­desempregadas e ocupadas de acordo coas necesidades que teñen na actualidade as empresas galegas. Para iso se poñen en marcha, un ano máis, as Unidades Formativas na Empresa.

O programa está dirixido tanto a persoas desempregadas como a ocupadas, con especial atención aos sectores da Axenda Industria 4.0 | aec
O programa está dirixido tanto a persoas desempregadas como a ocupadas, con especial atención aos sectores da Axenda Industria 4.0 | aec

Trátase de formar a persoas ­desempregadas e ocupadas de acordo coas necesidades que teñen na actualidade as empresas galegas. Para iso se poñen en marcha, un ano máis, as Unidades Formativas na Empresa, un programa da Xunta de Galicia que levará a cualificación a 2.100 persoas e que se desenvolverán en 540 compañías. Cun investimento de preto de 6,5 millóns de euros, o obxectivo é darlles aos traballadores unha formación especializada á carta e axustada ás demandas reais do tecido produtivo.
Desta vez, a principal novidade é que hai Unidades Formativas destinadas a traballadores de empresas dos considerados como sectores extratéxicos, vencellados á Axenda Industria 4.0, ás que se destinarán 4,5 millóns de euros, que servirán para cualificar 1.500 persoas en 500 compañías. Deste xeito, o tecido empresarial galego gañará en competitividade ao contar con persoal máis preparado.
Por outra banda, en 2018 a Consellería seguirá coas Unidades Formativas dirixidas a ­desempregados, que estarán dotadas con 1,85 millóns para cualificar 600 desempregados a través dun total de 40 accións.

Convocatoria
En próximos días publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a primeira das convocatorias de cada unha das actuacións por un total de catro millóns de euros (un millón para Unidades Formativas para desempregados e máis de tres millóns para formación de traballadores). 
No caso das Unidades Formativas para ocupados, que prestarán especial importancia a sectores clave da economía e a industria galega, a Administración autonómica financiará o 100% da cualificación, cun límite de 200.000 euros para empresas ou agrupacións de firmas, priorizando actuacións vinculadas coa silvicultura, a transformación de madeira, a fabricación de compoñentes electrónicos, a automoción, o naval, a aeronáutica, a fabricación de mobles, a edición de programas informáticos e de telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática. 
O principal requisito que se establece para este programa de axudas é que as compañías beneficiarias pertenzan a algún dos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0. 

Carácter bianual
A iniciativa terá un carácter ­bianual para que se poidan planificar talleres ou cursos máis complexos e cun maior período de duración, co obxectivo de ofrecer unha cualificación completa e sempre acorde ás demandas das firmas galegas.  
Recibirán apoio proxectos de formación á medida, adaptados ás necesidades formativas específicas de cada empresa que así o solicite, e tamén especialidades formativas recoñecidas polo Servizo Público de Emprego e homologadas pola Administración ou entidades acreditadas. 

Contratación mínima
En canto ás Unidades Formativas na Empresa para desocupados, existe un orzamento de 1,85 millóns de euros para formar a ­desempregados. As empresas participantes teñen que comprometerse a contratar como mínimo ao 40% dos alumnos que participen en cada unha das 40 unidades previstas. 
A Xunta de Galicia financia o 100% da formación, e para aquelas compañías que superen o compromiso mínimo de contratación ofreceráselles axudas para promover os contratos indefinidos, que oscilan entre os 7.000 e 16.000 euros. Na edición anterior participaron empresas como a compañía aeronáutica Coasa (San Cibrao das Viñas, Ourense) e Exlabesa, dedicada á produción de aluminio, con sede en Padrón (A Coruña). l

Comentarios