Neira Vilas celebra con escolares carballeses os 50 anos de “Memorias dun neno labrego”

El Ideal Gallego-2011-04-27-024-934501e0

  REdacción > Carballo

  Para falar da súa vida e da historia de Balbino, o protagonista de “Memorias dun neno labrego”, Xosé Neira Vilas apóiase no “este” –el di: “ete...”– coa naturalidade de quen botou media vida –45 dos seus 83 anos– na emigración e no exilio. Neira Vilas salpicou onte no Pazo da Cultura de Carballo o seu galego varudo co comodín verbal arxentino para explicarlle aos rapaces o máis grande éxito de vendas da literatura galega, a primeira edición do cal saíu dun prelo de Buenos Aires (Follas Novas) hai agora cincuenta anos e que, medio século despois, leva despachados 600.000 exemplares repartidos en 31 edicións en galego –nove delas, de 10.000 volumes–, ás que hai que engadir ás traducións ao inglés, francés, alemán, ruso, chinés, unha lingua maia, esperanto, catalán, vasco e asturiano –entre outra ducia de idiomas– e a versión en braille.
Nesas anda este ano Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928), nunha xeira de autor “best-seller” para celebrar por Galicia o 50 aniversario da súa obra capital. Onte –logo de ter visitado localidades como a A Estrada e Santiago– conversou de bo ánimo  cos alumnos dos centros carballeses IES Monte Neme, IES Parga Pondal, CPR Artai e IES Bergantiños, e do CPI Xosé Pichel de Coristanco.

Presentación > Presentaron ao autor Nel Vidal, licenciado en filoloxía galega e técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, e Mercedes Queixas, escritora, secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega e mestra no CPI Xosé Pichel.
Neira Vilas apiouse no “este” como no bastón que o acompaña, e, pois fixo falla, no ombreiro de Nel Vidal para subir ao escenario do Pazo da Cultura. Pero, xa na mesa de oradores, o autor amosou folgos dabondo para un home da súa idade e unha memoria exacta da súa vida e da súa obra.
Queixas situou para os escolares a Neira Vilas e “Memorias dun neno labrego”, pero o importante gardouno para o final da súa intervención, cando confesou que, gracias ás “Memorias...”, descubriu que o galego que oía e falaba na casa era unha lingua que tamén se podía escribir.

Xénero vizoso > O demais é coñecido e tamén onte se falou de “Memorias dun neno labrego” como o título fundacional da literatura galega infantil e xuvenil, un xénero vizoso que deu a Galicia xa catro premios nacionais: Paco Martín, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey e Agustín Fernández Paz, todos herdeiros de Neira Vilas. O certo é que Neira Vilas non escribiu “Memorias como un relato para os mozos”, pero foron os lectores máis novos quen o fixeron seu nestes cincuenta anos.
Onte falouse tamén de Balbino como ese personaxe universal, un neno pobre fillo de caseiros, que se rebela contra a opresión e a inxustiza social, representada polos abusos de Manolito, o fillo do señor da aldea. Tanto Queixas como Neira Vilas foron no Pazo da Cultura máis asisados que, hai unhas semanas, o director xeral do Libro, Francisco López, quen asegurou na Estrada: “En Balbino temos o Harry Potter da literatura galega”. Moitas veces, os presentadores preparan un tobogán mol de palabras e acaban facendo pinchacarneiros imposibles.

Orixe > Aínque a ocorrencia pode dar pé á reflexión da vixencia de Balbino nuns tempos nos que, como explicou Manolo Rivas en tempos, nas cidades galegas hai hoxe nenos que nunca tocaron a pel dunha vaca. Aínda aí onte no Pazo da Cultura había nenos uniformados de chándal, que van a escola en autobús, cando menos dúas ducias dos rapaces ergueron a man a petición de Neira Vilas, quen quixo coñocer cantos dos presentes naceran en Suíza, a conto da importancia da emigración en “Memorias... ”.
Eses rapaces probablemente recoñecen todos os arrecendo das “Memorias”, pero, sobre todo, comprenden a novela de Neira Vilas. Comprenden por que o Balbino se namora da súa mestra e, por iso, tamén dos libros; comprenden a súa carraxe por todo o que representa Manolito; e compréndena porque fala deles, pero, afortunadamente, nestes tempos, as cousas sexan para todos máis doadas que para o Balbino. Como todos os clásicos, “Memorias dun neno labrego” e a mirada inocente de Balbino nunca perden vixencia.

Montaxe teatral > Desde o pasado mes de xaneiro, o actor e director Cándido Pazó (Abrapalabra Teatro) contribúe ao aniversario de “Memorias dun neno labrego” cunha versión “personal” da obra de Xosé Neira Vilas, ‘Memoria das memorias dun Neno Labrego’, unha interpretación “híbrida”, segundo Pazó, entre o monólogo e o teatro unipersoal.
Logo das representacións en Santiago, A Estrada, Ourense, Oleiros, Lugo, Ribadeo, Noa, Cee e Vimianzo, “Memoria das memorias dun neno labrego” recorrerá até o 21 de maio O Milladoiro, Vigo, A Coruña, Ponteceso e Muros, así como os municipios pontevedreses de Gondomar, Redondela, Lalín, Tui e Sanxenxo.


 

Neira Vilas celebra con escolares carballeses os 50 anos de “Memorias dun neno labrego”

Te puede interesar