martes 4/8/20

Medio Rural pon en marcha unidades para aproveitar terras e activos agrarios

Poñer a disposición doutras persoas aquelas terras e activos que queden sen usar tralo retiro dos seus donos. Ese é obxectivo das novas Unidades de Asexoramento e Xestión de Explotacións Agrarias (UAXE) que Medio Rural porá en marcha en breve.

As UAXE mediarán para que os interesados en mercar ou arrendar os terreos e bens agrarios que cesaron a súa actividade poidan facelo dun xeito máis doado  | aec
As UAXE mediarán para que os interesados en mercar ou arrendar os terreos e bens agrarios que cesaron a súa actividade poidan facelo dun xeito máis doado | aec

Poñer a disposición doutras persoas aquelas terras e activos que queden sen usar tralo retiro dos seus donos. Ese é obxectivo das novas Unidades de Asexoramento e Xestión de Explotacións Agrarias (UAXE) que Medio Rural porá en marcha en breve.


Este novo órgano, autorizado no último Consello da Xunta, permitirá precisamente unha labor de mediación entre gandeiros e agricultores, de tal maneira que aqueles que decidan rematar coa súa actividade no rural galego poñan tanto as súas terras como outro tipo de activos a disposición doutros profesionais que poidan estar interesados.


Desta maneira, a Consellería de Medio Rural, que dirixe Ángeles Vázquez, pretende evitar o abandono de terras e instalacións, ao tempo que tamén se poida incrementar a competitividade doutras granxas ao aumentar a súa base territorial. De cara á posta en marcha das UAXE, a Consellería prevé ter listo o decreto no prazo duns cinco meses.


O primeiro paso que se dará dende Medio Rural será o de crear unha UAXE en cada provincia. Para elo, incorporarase ao Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia un novo apartado, a “Sección de explotacións susceptibles de intermediación”, de forma que se creará unha plataforma que será a encargada de proporcionar información e tamén un conctacto entre os propietarios de parcelas agrícolas.
Estas novas unidades tamén recompilarán a información sobre explotacións agrarias xa abandonadas ou que son susceptibles de cesar a asúa actividade, co obxectivo de poder poñelas de novo en marcha no mercado agrario galego. Neste caso, poderase actuar de oficio ou ben a instancia da persoa interesada.

Seguridade xurídica
A través destas UAXE, os agricultores e gandeiros que queiran arrendar, ou ben mercar directamente, terreos ou equipamentos terán unha plataforma pública que lles permitirá coñecer que explotacións poden ser mercadas ou alugadas, así como todos os datos destas. En caso de que se tome unha decisión será o Banco de Terras, dependente do Agader, e o resto de membros da UAXE os que actúen como mediadores na tramitación, o cal tamén achegará un punto de seguridade xurídica a esa operación.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez busca así a implementación dunha medida transversal na que traballarán varias unidades da Consellería. Ademais, coa creación destas novas unidades, Medio Rural tamén fai a súa achega ao Plan de fixación de poboación no rural anunciado hai uns meses polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao favorecer a economía e o emprego nestas zonas. Ademais, ao tempo, grazas a que non queden terras baleiras de contido tralo seu retiro da actividade, Medio Rural tamén traballa na loita contra o abandono de espazos e, consecuentemente, na minimización dos riscos de incendios, pragas ou enfermidades fitosanitarias en predios colindantes.


As UAXE uniranse así a outros instrumentos que dende Medio Rural están a poñer en marcha de cara a reducir o abandono de parcelas e a mobilidade como a reestruturación parcelaria ou as transferencias do Banco de Terras aos concellos de ata 2.700 parcelas para favorecer o uso social destes terreos e facer máis operativo este organismo.

Comentarios