Medio Rural impulsa a competitividade e a calidade do sector do aceite en Galicia

Medio Rural impulsa a competitividade 
e a calidade do sector do aceite en Galicia
Na actualidade están recoñecidas dúas variedades de oliva propias de Galicia: a “brava galega” e a “mansa galega” | aec

A Consellería do Medio Rural fomentará a calidade e a competitividade do sector aceiteiro galego. Será a través dun convenio de xestión no que se unirá á Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) que, dende agora, se encargará do seguimento e análise dos mercados oleicos de cara a asegurar a orixe, destino e características das materias primas e dos produtos do sector.
Esta axencia ten entre os seus fins a xestión dos sistemas de información e control dos mercados oleicos. De feito, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez e AICA veñen colaborando dende hai tempo na implantación das obrigas establecidas na orde de 2005 sobre a contabilidade e declaracións para o control no sector do aceite de oliva e das olivas de mesa. Desta maneira, o convenio asinado entre a axencia estatal e a Consellería do Medio Rural –que se publicou no Diario Oficial de Galicia o pasado 9 de agosto- fará que dende agora sexa a AICA a que se encargue de verificar os datos do sector ademais de realizar os controis que sexan precisos.

Proceso
Antes do 30 de setembro de cada ano, Galicia proporcionarlle á AICA a relación das almazaras, industrias de transformación, envasadoras de aceite de oliva, refinarías, extractoras de aceite de bagazo e demais operadores de aceite de oliva e de olivas de mesa con actividade na campaña de cara a realizar posteriormente os labores de control. Pola súa banda, a AICA poñerá á disposición da Consellería dunha plataforma web electrónica na que, entre outras cousas, se situará información referente á programación que teña previsto realizar a axencia a respecto das industrias galegas, o seguimento dos controis realizados por AICA a ditas empresas inspeccionadas e unha copia electrónica da documentación de control.
A través deste traballo de colaboración, o que o departamento de Ángeles Vázquez pon en valor é a busca dunha mellora no funcionamento e na vertebración da cadea alimentaria, garantindo así unha distribución sustentable do valor engadido ao longo de todos os sectores que a integran e conseguindo un meirande equilibro e transparencia nas relacións comerciais entre os operadores.
Deste xeito, ademais de impulsar o propio sector no que ao seu funcionamento atinxe, tamén se lle poderá garantir ao consumidor unha información completa e eficaz sobre os alimentos e a súa calidade.
Ademais, en virtude do convenio establecido, que ten unha duración incial de dous anos, prorrogables por outros dous, establécese unha comisión de seguimento composta por dous representantes de cada parte. l

Medio Rural impulsa a competitividade e a calidade do sector do aceite en Galicia

Te puede interesar