Máis de 400 mozos recibiron axudas para incorporarse ao agro galego

Máis de 400 mozos recibiron axudas para incorporarse ao agro galego
Copia de El Ideal Gallego-9999-99-99-999-b9a67bc0

O agro galego estase a revitalizar e parte deste novo pulo vén precisamente da poboación máis moza. Así, a mocidade non só se está a interesar polo campo, senón que está a buscar nel unha saída laboral na que arraigar o seu camiño e establecerse de maneira definitiva. Demóstrase isto no incremento do número de expedientes de axudas aprobados pola Consellería do Medio Rural e dedicados a mozos que forman as súas empresas no agro: dende 2009 esta cifra incrementouse nun 44,27%.
Desta maneira, no ano 2017 o departamento que dirixe Ángeles Vázquez proporcionou un total de 466 axudas a mozos que se incorporaron ao agro galego. Destas máis de catrocentas subvencións, 16 foron dedicadas a compañías, explotacións ou autónomos que traballan no ámbito das hortas, ou o que é o mesmo, o 3,43% do total.
O crecemento continuado no agro galego deixa ademais grandes datos como os 618 expedientes de subvencións aprobados durante o ano 2016, que marcou o fito histórico da serie. 
No que atinxe de forma concreta aos cultivos en horta, foi tamén 2016 o que mostrou un mellor comportamento, coas achegas de Medio Rural a 41 mozos recentemente chegados a esta tipoloxía do agro (un 6,63% do total). 
A xente nova de Galicia aposta, pois, por desenvolver novas iniciativas nos diferentes ámbitos que lle propón o campo galego, un lugar privilexiado dende o punto de vista edafolóxico e meteorolóxico para sacar adiante produtos diversos e de alta calidade. “Temos uns produtos con unha calidade inconfundible e a sabor non hai quen nos gañe, así que temos que dar garantías de que os produtos veñen do noso territorio”, sinalou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante unha visita a Hortamanda, en Meis, unha das empresas que recibiu axudas grazas á incorporación de mozos ao seu cadro laboral.

Diversidade de cultivos
De feito, a diversidade ten o seu reflexo nos datos do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). A este respecto, e segundo os datos recollidos este mesmo luns, hai na comunidade 13.103 explotacións activas. Destas, a meirande parte dedícanse ao cultivo de hortalizas ao aire libre (12.298, que supoñen o 93,85% do total). A seguir sitúanse tamén os cultivos de hortaliza pero, neste caso, baixo invernadoiro. Galicia ten agora mesmo 498 explotacións deste tipo (un 3,80% da totalidade).  Os invernadoiros nos que se plantan flores supoñen, pola súa banda, o 1,59% das explotacións activas, ao sumar 208, mentres que as empresas dedicadas a cultivar flores ao aire libre (57) e os viveiros (42) quedan nos últimos lugares entre as máis de trece mil explotacións galegas. l

Máis de 400 mozos recibiron axudas para incorporarse ao agro galego

Te puede interesar