Os lingüistas recoñecen que mudou a receptividade ao galego na empresa

Os lingüistas recoñecen que mudou a receptividade ao galego na empresa

Cun certo grao de optimismo chegou a súa fin onte en Carballo a duodécima edición do Curso de Verán “Traballando en lingua”, na que durante dous días técnicos de normalización, empresarios e diferentes expertos encargáronse de avaliar a situación da lingua galega no ámbito da empresa, do comercio, da publicidade e dos negocios.
O filólogo e comunicador Ramón Vilar Landeira encargouse de expoñer as conclusións e ideas compartidas ao longo das diferentes sesións que conformaron este novo curso para acadar un futuro mellor para o galego no ámbito socioeconómico, asentindo que “aínda que a situación que se debuxou poda ser bastante negativa, que no mundo da empresa a situación do galego é moi precaria, hai motivos para a esperanza, pois o que recoñece todo o mundo é que cambiou a receptividade a este tipo de propostas”.
Destacou así a importancia que ten xa de por si o achegarse co debate do galego a este ámbito e o ter en conta este tipo de xornadas, considerando fundamental seguir reforzando a presenza positiva do galego neste sector. E aínda que recoñeceu que hai marcas que empregan a lingua galega “non por militancia lingüística nin por corazón, senón porque vende”, referíndose a aqueles casos nos que se usa o galego como factor de diferenciación frente a outras empresas,  “aínda así, a publicidade non é outra que a lingua que empregan para comunicarse”. E en alusión a algunhas intervencións realizadas no curso, “nin os anunciantes nin os creativos acababan de estar convencidos do plus que tiña a lingua, pero eran conscientes de que non restaba”, concluíndo que “ó mellor hai unha oportunidade aí para intercomunicarse con esas axencias para axudar a incrementar esa imaxe positiva”.
En relación ao debate do valor positivo do galego como reclamo turístico, Vilar Landeira sinalou que “o galego pode restar para os que veñen de fóra, pero no resto todo o contrario”, e tamén considerou que “quedou bastante claro que hai unha necesidade de que a lingua debe estar na responsabilidade social corporativa das empresas” ligando o seu uso a ese “plus de calidade” que se vén poñendo sobre a mesa ao longo destes dous días de curso.
Sobre o Plan de dinamización  presentado polo secretario xeral de Política Lingüística para o tecido socioeconómico, considerou importante que “os lingüistas teñen que estar aí, teren voz nese plan, sexa bo, malo ou regular”, e sobre a intervención do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia non dubidou en indicar que “é unha cousa histórica que o presidente da patronal veña a falar e teña unha postura bastante receptiva ao uso do galego no ámbito empresarial”. “Creo que tendeu unha man á colaboración e hai que collela”,  pero “tendo en conta tamén ás asociacións comarcais como interlocutores válidos, non só a CEG”.
Sentenciou finalmente que se percibe un cambio, “as cousas van mudando e todo o traballo feito nestes últimos 25 anos polos traballadores da lingua está dando o seu froito,  de aí a importancia de que agora haxa que redobrar esforzos”, esforzos que dixo tamén “deben ser direccionais, facendo ver ao empresario que o galego suma pero sin esquecerse de que o que convence ao empresario é o cliente”, animando entón a “que o cliente faga saber o que lle gusta, que diga se quere ver produtos en galego”. 
Unhas conclusións que serviron logo para que os asistentes poidesen debater sobre as mesmas e facer ao mesmo tempo as súas propias achegas, tal e como fixo o técnico de normalización lingüística carballés e expresidente da CTNL, Nel Vidal, das que dixo “se poderían facer moitos matices pero creo que son moi aproveitables, coas que creo que se podería abrir un proceso de debate para acordalas e logo socializalas, ben como mensaxe do curso ou como proposta de traballo” indicou Nel Vidal.

Os lingüistas recoñecen que mudou a receptividade ao galego na empresa

Te puede interesar