Innovar dá ás pemes mellores oportunidades para crecer e chegar a clientes internacionais

Innovar dá ás pemes mellores oportunidades para crecer e chegar a clientes internacionais
CIMUS

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), impulsará a primeira edición do programa Innova Peme, unha iniciativa pioneira destinada a mellorar a innovación nas pemes e microempresas galegas que, cun orzamento de 5 millóns de euros, permitirá mobilizar 10 millóns beneficiando arredor de 60 compañías da comunidade.
As axudas van destinadas a desenvolver ou incrementar as capacidades innovadoras de empresas que xa teñen ou comezan a ter un desempeño innovador pero que necesitan apoio para sistematizar, potenciar ou desenvolver dita actividade coa que lanzar novos produtos e servizos ou mellorar os seus procesos. 
Para iso, as compañías solicitantes deberán contar cun plan de innovación, unha folla de ruta que se desenvolverá durante un mínimo dun ano na que se recollerán as actuacións a financiar a través do programa.

50% do orzamento
Os apoios, que poderán alcanzar os 150.000 euros dependendo do tipo de compañía, serán do 50% do orzamento subvencionable, que se situará entre 100.000 e 200.000 euros para as micropemes e entre 150.000 e 300.000 euros para as pemes.
Ditos apoios, a través do plan de innovación, poderán destinarse á contratación de persoal, á adquisición de equipamento e material; e a licenzas de propiedade industrial. 
Tamén se poderán obter apoios a través destas axudas para a obtención, validación e defensa de patentes, certificacións e homologacións, a contratación de expertos doutras empresas e de servizos de asesoramento e apoio en materia de innovación, entre outros. 
Permitirase a subcontratación con organismos de investigación ou outras entidades, ata un máximo do 50% do custo total da actividade subvencionada.
Ademais, as empresas beneficiarias poderán solicitar acompañamento financeiro posterior para a comercialización e industrialización da innovación a través dos fondos de capital risco para a innovación xestionados por XesGalicia.
Para solicitar estas axudas, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia nas vindeiras semanas, as empresas terán que presentar o informe Innobench, un estudo gratuíto e personalizado que permitirá coñecer o punto de partida da situación actual en materia de innovación da empresa. 
Dito informe elabórase mediante un sistema de medición froito da colaboración entre a Axencia Galega de Innovación, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a través do seu servizo de información empresarial ARDAN, e o traballo do grupo REDE da Universidade de Vigo.
Este novo programa, previsto no programa Operativo FEDER Galicia, busca a mellora da capacidade innovadora das empresas como vía para acadar unha maior competitividade e internacionalización e gañar tamaño e cota de mercado, o que responde aos obxectivos tanto da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) como da Axenda Galicia-Industria 4.0.

O impulso á contratación de personal cualificado contribúe 
á mellora competitiva do tecido empresarial galego

A Xunta continúa coa súa aposta pola innovación e o fomento da contratación de persoal cualificado como modo de impulsar a I+D+i galega e, polo tanto, como xeito de mellorar a competitividade do tecido empresarial da comunidade, cunha nova convocatoria do programa Principia.
Trátase dunha iniciativa orientada á apoiar a contratación de tecnólogos para realizar actividades de I+D+i co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal cualificado. Para conseguilo, o Goberno galego destinará máis dun millón de euros cos que se agarda a creación de 100 novos postos de traballo en empresas e organismos de investigación galegos ou con centros na comunidade.
O prazo para que estas entidades interesadas entreguen as súas solicitudes, tras a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), manterase aberto ata o vindeiro 24 de xullo. 
As empresas e organismos beneficiarios, recibirán axudas de 10.000 euros por contrato e poderán solicitar ata un máximo de 10 axudas por entidade.
Nesta segunda edición, as principais novidades pasan pola inclusión dos titulados de FP superior ou equivalente e a ampliación da experiencia previa permitida -desde os 12 meses da primeira convocatoria aos 36 meses desta-. Ademais, primarase a contratación indefinida, e apostarase por mellorar as condicións salariais, por unha maior simplificación nos trámites e por aportar máis flexibilidade. As actividades de innovación que realicen as persoas contratadas nestes centros de traballo que obteñan apoios estarán aliñadas cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente RIS3.
Este programa enmárcase na aposta que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a realizar no ámbito do fomento da innovación e do talento como elementos clave para modernizar o tecido empresarial e industrial galego para, deste xeito, mellorar a súa competitividade.
 

Innovar dá ás pemes mellores oportunidades para crecer e chegar a clientes internacionais

Te puede interesar