Feuga e a USC impulsan un proxecto de innovación no sector agroforestal europeo

Feuga e USC, a través do Grupo de Investigación Sistemas Silvopastorais do Campus Terra --que exerce como coordinador--, impulsan o proxecto europeo Afinet, unha idea de innovación no sector agroforestal.

A finalidade é crear unha rede de innovación en sistemas agroforestais baseada no intercambio de coñecemento e información entre todos os axentes implicados (gandeiros, agricultores, enxeñeiros forestais, investigadores, técnicos) co obxectivo de mellorar a sustentabilidade e competitividade do sector.

Lugo acolle este xoves a reunión de lanzamento do proxecto, na Escola Politécnica Superior, á que asistirán as entidades participantes, procedentes de nove países europeos (España, Reino Unido, Bélxica, Portugal, Polonia, Hungría, Italia, Francia e Finlandia). O proxecto terá unha duración de tres anos e conta cun financiamento de 2 millóns de euros do programa H2020.

A rede Afinet estará integrada por nove Redes Rexionais de Innovación Agroforestal (RAINs) que, de forma coordinada, traballarán para fomentar e pór en marcha prácticas innovadoras sobre integración de cultivos ou actividades agrogandeiras, como vía para mellorar a sustentabilidade da contorna e a competitividade do sector.

Cada unha destas redes seleccionará unha área de traballo específica, en base á realidade e intereses do sector na súa rexión. Traballarán para identificar lagoas de coñecemento e retos a abordar, así como boas prácticas, resultados de investigación ou ideas innovadoras que permitan afrontar as carencias detectadas.

As redes rexionais de innovación serán xestionadas pola figura dun Innovation Broker, axente dinamizador que facilitará a relación dos membros que a integran, así como a conexión coas outras redes rexionais.

Feuga e a USC impulsan un proxecto de innovación no sector agroforestal europeo

Te puede interesar