sábado 26/9/20

As empresas galegas continúan reforzando a súa posición nos mercados internacionais

A capacidade exportadora das empresas galegas estase a demostrar coa súa importante aposta pola apertura a novos mercados. A través destas iniciativas, a Comunidade está a lograr sumar novos récords no exterior.

Metalurxia, moble e téxtil destacan polos incrementos nas súas exportacións | aec
Metalurxia, moble e téxtil destacan polos incrementos nas súas exportacións | aec

A capacidade exportadora das empresas galegas estase a demostrar coa súa importante aposta pola apertura a novos mercados. A través destas iniciativas, a Comunidade está a lograr sumar novos récords no exterior.
Deste xeito, no que vai de ano, de xaneiro a agosto de 2017, as compañías de Galicia lograron superar nun 8,4% as vendas rexistradas no mesmo período do ano anterior, no que, á súa vez, xa bateran todos os récords.
Grazas a estas cifras Galicia consolida a súa posición, e a aposta das empresas pola súa internacionalización, xunto co traballo conxunto coa Administración autonómica, permite que a Comunidade conte coa segunda mellor balanza comercial de España en termos absolutos, só superada polo País Vasco, sumando preto de 2.787 millóns de euros.
Estes datos demostran que o tecido empresarial galego, cada vez máis, fomenta a internacionalización dos seus produtos e servizos como unha vía máis para medrar, gañar músculo e mellorar en competitividade.
Por sectores, destacan os incrementos de industrias estratéxicas para a economía galega, como a metalurxia, que sobe un 23,7% con respecto ao mesmo período do ano anterior; o moble, cunha alza do 29,1%; ou o téxtil, que consigue incrementar as súas exportacións nun 10,1%. Cómpre tamén sinalar a boa marcha da industria agroalimentaria, que de xaneiro a agosto vendeu un 16,2% máis ao exterior; ou do naval, que acumula exportacións por 315 millóns de euros.

Principais destinos
No tocante aos destinos, as vendas a América Latina conseguiron un aumento do 50,1% no que vai de ano; e tamén rexistran importantes incrementos as exportacións a países como Bélxica, cun 46,7%, Países Baixos, cun 27%; Italia, cun 9,1%, ou a potencias económicas como Estados Unidos (6,2%) ou Xapón (7,3%).
Aumentar a capacidade exportadora das empresas galegas, especialmente das pemes, é fundamental para que o tecido empresarial gañe en tamaño e competitividade. Por iso, o Goberno galego conta coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, unha ferramenta que pretende converter a internacionalización nun motor de emprego e crecemento que consolide a recuperación económica.
Para conseguilo, a Xunta conta cunha serie de liñas e programas que favorecen a internacionalización das empresas como o Foexga, que facilita a presenza dunhas 250 empresas ao ano en mercados e feiras internacionais; o programa de xestores que posibilita a contratación de expertos en internacionalización nas empresas, ou o programa Galicia Exporta.
A través do Galicia Exporta Empresas, a Xunta impulsa os proxectos de internacionalización de 175 compañías que apostan por consolidar ou iniciar exportacións cara a máis dun cento de mercados exteriores.
Estas axudas, que veñen de resolverse, complementan o programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que aprobou apoiar 23 proxectos colectivos para desenvolver 158 accións agrupadas de internacionalización que tiveron como obxectivo 39 mercados diferentes e que beneficiarán, de xeito directo ou indirecto, a máis dun milleiro de empresas galegas.

Comentarios