A Deputación promociona a gastronomía coruñesa durante La Vuelta a España

A Deputación promociona a gastronomía coruñesa durante La Vuelta a España

Durante o percorrido que La Vuelta Ciclista a España realizará este verán por todo o territorio nacional, a Deputación promocionará produtos gastronómicos elaborados de modo artesanal en distintos puntos da provincia da Coruña entre os que salientan conservas de peixe e marisco, queixos e produtos lácteos, pementos de Herbón e O Val, carnes e embutidos, tarta de Santiago, patacas fritas, vermú galego ou filloas.
En cada unha das etapas da competición, a Deputación da Coruña, entidade colaboradora de La Vuelta 2016, instalará unha caseta de degustación de produtos típicos na que se promocionarán diferentes delicias gastronómicas elaboradas na provincia baixo o lema “A Coruña por sabor”.
Así, por toda a xeografía española, os asistentes ás diferentes etapas de La Vuelta terán a oportunidade de degustar algúns dos sabores máis característicos da provincia coruñesa, que conta cunha sólida tradición e cultura gastronómica coa calidade da materia prima, a elaboración artesanal e a excelente labor de produtores e restauradores coruñeses como garantías.
Para a selección dos produtos contouse coa colaboración do director de cátering de La Vuelta, Iñaki Albistur, tomando como base as empresas que colaboran nas rutas de Turismo Industrial promocionadas pola Deputación. Entre outros produtos, poderanse degustar conservas 1884 (Camariñas), Porto Muíños (Cerceda), La Pureza (Cariño), Mar de Ardora (Ortigueira), Amieiro (Cariño) e Benboa (Ribeira), así como patacas fritas de Bonilla (A Coruña) carnes e embutidos de Raposo (Dumbría), queixos e produtos lácteos da Queixería Barral (Arzúa), Queixerías do Ulla (Vedra) e Casa Grande de Xanceda (Mesía), pementos de A Pemeteira de Herbón (Padrón) e a Cooperativa O Val (Narón), tartas de Lestedo (Boqueixón) e vermú St. Petroni (Padrón).
O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou que “ademáis do gran escaparate que representa La Vuelta para mostrar ao mundo os múltiples atractivos turísticos da nosa provincia durante os dous días que discorre por terras coruñesas, este ano queremos tamén dar a coñecer os nosos produtos gastronómicos tradicionais en toda España durante os 21 días que dura este gran evento deportivo”.
Ademais do importante reclamo turístico que supón, esta acción da área de Promoción Económica quere axudar a que se coñeza a excelencia dos produtos e dalgunhas empresas de referencia nos distintos sectores da producción agroalimentaria.

A Deputación promociona a gastronomía coruñesa durante La Vuelta a España

Te puede interesar