Calidade e innovación impulsan a proxección exterior da artesanía galega

A calidade, xunto coa unión de tradición e deseño, vangarda e innovación, son as claves para conseguir a proxección exterior da artesanía galega, que potencia a Consellería de Economía, Emprego e Industria cunha liña de axudas de 200.000 euros.
As axudas, que foron publicadas recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG), teñen como obxectivo promover a comercialización da artesanía galega por un importe de 201.000 euros. Desta resolución benefícianse un total de 35 titulares de obradoiros artesanais e doce concellos, así como tamén a Asociación Galega de Artesáns.
axudas
Dos obradoiros que se acollen a estas axudas, 17 son da provincia da Coruña, 10 da provincia de Pontevedra, sete de Lugo e un de Ourense. Desta maneira, poden ter presenza en feiras como Maison & Objet ou o Salon Ob’Art, en París, ou Bisutex, en Madrid. No que respecta aos concellos que reciben estes apoios para a realización de feiras de artesanía son Bóveda, Cospeito, Mondoñedo, Monforte, Viveiro, Outeiro de Rei, Triacastela, Camariñas, Oleiros, Malpica, Carnota e Cerdedo-Cotobade.
A artesanía é un sector en auxe en Galicia, composto na actualidade por máis de 2.900 profesionais, con 60 tendas adheridas e 550 obradoiros, presentes en diferentes países dos cinco continentes como Reino Unido, Suecia, Francia, Australia, Xapón e Estados Unidos.
A Xunta colabora con esta expansión impulsando a marca Artesanía de Galicia e a todo o sector en xeral con iniciativas como o Espazo Pop Up, que se celebrou o mes pasado en Madrid con notable éxito de público.
Espazo Pop Up
O espazo Pop Up Galicia, Saberes e Sabores pechou as súas portas con máis de 2.000 visitas que se deron cita neste evento que estivo en Madrid durante 12 días, achegando a tradición e a vangarda da artesanía galega a través dunha selección de pezas, diferentes showcookings a cargo de cociñeros consolidados con representantes da nova cociña galega e exposicións e venda de produtos de alimentación de calidade, así como obradoiros abertos a todo o público.
A iniciativa serviulle aos profesionais para estreitar lazos comerciais, fortalecer as súas redes, incrementar as súas vendas e darse a coñecer entre un público heteroxéneo. No espazo déronse cita unha completa selección dos diversos oficios que conviven no sector artesanal de Galicia.

Calidade e innovación impulsan a proxección exterior da artesanía galega

Te puede interesar