O BNG considera que os orzamentos son "fraudulentos e traerán máis pobreza"

O BNG presentou hoxe, no Rexistro de Comisións do Congreso, unha emenda á totalidade aos orzamentos xerais do Estado para 2014 por estimar que "son fraudulentos, traerán máis pobreza e non servirán para mellorar a situación económica".

Nunha nota de prensa, a portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, explicou que o BNG pedirá no pleno do mércores a devolución dos orzamentos ao Goberno polas súas "negativas consecuencias ao recortar pensións e salarios".

A xuízo de Fernández Davila, os orzamentos son "irreais e fraudulentos" e, alén diso, "practican artificios orzamentarios para Galicia".

Fernández Davila denunciou que a previsión de ingresos non é crible e comporta novos recortes mais tamén "obvian as necesidades das maiorías sociais, provocando máis pobreza".

Así, mencionou a redución en 34,2% do orzamento do Ministerio de Sanidade e en 36% nas partidas para servizos sociais e promoción social.

No terreo dos impostos, o BNG asegurou que os orzamentos consolidan a suba de impostos ás maiorías sociais e recalcou que "non serven para dinamizar a economía nin mudar o modelo de produción porque a I+D+i continúa estando na última fila".

En canto a Galicia, o BNG considerou que os orzamentos intentan compensar a redución real de investimentos con "artificios orzamentarios na alta velocidade, cunha dotación económica non concretada e que non se poderá pór en práctica". EFE

O BNG considera que os orzamentos son "fraudulentos e traerán máis pobreza"

Te puede interesar