sábado 24/10/20
francisco otero Promotor de “Almatea”, Premio Ría de Arousa de ideas empresariais

“Almatea é un software que permite ter un control directo da actividade nas bateas”

Francisco Otero ten 33 anos e é o promotor e creador de “Almatea” o proxecto empresarial que foi condecorado onte co Premio Ría de Arousa. Natural de A Illa e enxeñeiro industrial e electrónico de profesión vén dunha familia de bateeiros, daí que idease un software que permitirá aos produtores un control directo das súas plataformas mexilloeiras.

Francisco Conde entregou o premio a Francisco Otero
Francisco Conde entregou o premio a Francisco Otero

Francisco Otero ten 33 anos e é o promotor e creador de “Almatea” o proxecto empresarial que foi condecorado onte co Premio Ría de Arousa. Natural de A Illa e enxeñeiro industrial e electrónico de profesión vén dunha familia de bateeiros, daí que idease un software que permitirá aos produtores un control directo das súas plataformas mexilloeiras. Onte recollía en Vilagarcía o galardón (dotado cun premio de 2.000 euros) das mans do conselleiro de Industria, Francisco Conde.

En que consiste “Almatea”?
“Almatea” é a alma da batea. Temos a batea como estrutura física e “Almatea” vén a ser o software. É, digamos, o que lle dá intelixencia á batea. É algo que a nivel de industria convencional se leva utilizando moitos anos, pero que no mundo do mar nunca se chegou a implantar. O que pretendemos con este sistema é mellorar a produtividade das bateas con un cadro de mando que lle ofrece información de todo tipo aos bateeiros.

Que tipo de información se pode extraer deste software do que fala?
É beneficioso sobre todo para a xente que ten máis dunha batea, que acostuma a ser o habitual. O software permite controlar diferentes movementos como en que zonas medra mellor o mexillón, cales están amenazadas pola toxina, en cales hai máis posibilidades de produción a causa dos temporais... Incluso a través do cadro de mando permite saber que sitio é mellor para recoller as cordas das crías ou cando che convén facer o desdobre. Incluso tamén che fai recomendacións para enfocarte ou non á produción en fábrica. Son unha serie de variables que agora o produtor fai ou decide dunha forma máis instintiva.

Cal é o cliente potencial deste software?
“Almatea” está pensado para o produtor, sobre todo nunha época na que se está a producir un relevo xeracional no control das bateas. Agora mesmo a xeración que está levando o forte do negocio ten entre 50 e 60 anos e ten que dar o relevo a xente que ao mellor non vai traballar directamente na propia batea. Con este cadro de mando poden controlar as plataformas mexilloeiras sen necesidade de estar no seu día a día.

Require a implantación deste software un investimento moi elevado?
O investimento inicial non é moi elevado porque o produto software vaise desenvolvendo por módulos. O mínimo require unha inversión de entre 10.000 e 15.000 euros. O proxecto completo xa implica a sensorización a bordo dos barcos e a bordo das bateas.

Comentarios