Afundación programa talleres, exposicións e un contacontos para celebrar o “Mes das Letras”

Afundación programa talleres, exposicións e un contacontos para celebrar o 
“Mes das Letras”
O secretario de Política Lingüística participou na presentación | ep

Afundación comeza este mes de maio poñendo en marcha a súa programación para o “Mes das letras”, iniciativa que nace para conmemorar o Día das Letras Galegas, este ano dedicado ao escritor Carlos Casares, e que abarcará talleres, exposicións, funcións de monicreques e ata un contacontos interxeracional.

Así, a programación segue a liña iniciada pola entidade para fomentar a interacción entre maiores e pequenos coa realización dunha sesión de contacontos interxeracional dirixida a escolares de entre 3 e 7 anos, que levará a cabo en colaboración con voluntarios que están nos Espazos +60 Afundación.

Os contos seleccionados para esta actividade son “A galiña azul” e “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, ambos obra do autor homenaxeado deste ano.

A primeira sesión terá lugar na Coruña, o día 19 de maio, e continuará durante todo o mes polas diferentes sedes e Espazos +60 de Afundación en toda Galicia : Pontedeume, Ferrol, Betanzos, Vigo, Viveiro, Lugo, Monforte, Ourense, Pontevedra e Santiago.
En todos os casos a obra será “A galiña azul” excepto no caso de Ourense, onde a proposta didáctica estará protagonizada por “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” e enfocada a estudantes de 1º e 2º de ESO.

Ademais, o “Mes das Letras” inclúe actividades na Biblioteca Afundación de Santiago de Compostela, como unha exposición, un taller de creación literaria ou un taller de teatro; así como unha actuación do grupo de monicreques La Tarara na E.I. Zalaeta da Coruña e unha campaña nos perfís das redes sociais da entidade.


“Aposta polo idioma”
Pola súa banda, a cooperativa CLUN presentou onte a edición especial de Feiraco Letras Galegas 2017, que suporá sacar ao mercado un millón de cartóns de leite coa imaxe do autor homenaxeado este ano, Carlos Casares, para divulgar esta efeméride.

O presidente de CLUN, José Ángel Blanco, e o director da súa división de Lácteos, Pablo Gómez, presentaron a iniciativa nun acto no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o administrador da Fundación Carlos Casares, Hakan Casares, e o vicesecretario da Real Academia Galega, Andrés Torres Queiruga, entre outros.

A imaxe de Casares que lucirán os cartóns durante todo o mes é unha ilustración orixinal cedida pola Fundación Carlos Casares. Ademais, contarán cun código QR no lateral que permitirá descargar dous títulos do autor.

Esta iniciativa englóbase na colaboración histórica de Feiraco coa Xunta de Galicia para difundir a celebración das Letras Galegas e “exemplifica a aposta de CLUN polo idioma, a cultura e o patrimonio” en “todos os seus ámbitos de actuación”.

O patrocinio do concurso de carteis en centros educativos de toda Galiciae da Carreira das Letras, o próximo 14 de maio, completan o apoio de CLUN ás accións da Xunta coincidindo coa festividade das Letras Galegas 2017.

Afundación programa talleres, exposicións e un contacontos para celebrar o “Mes das Letras”

Te puede interesar