Xoán Eiriz canta por primeira vez o repertorio galego portugués no Ágora

Xoán Eiriz canta por primeira vez o repertorio galego portugués no Ágora
Eiriz leva 30 anos reivindicando a universidade da fala susy suárez

Xoán Eiriz pasa de cantar un “My way”, de Frank Sinatra, a unha pandeirada en cuestión de segundos porque a súa reivindicación vai máis alá da música. Ten que ver coa universalidade do idioma. Algo polo que leva loitando desde que se subiu por primeira vez a un escenario hai xa trinta anos e que lle empurra a versionar o mellor cancioneiro internacional.
Deste xeito, o “Ne me quitte pas” pasa a ser un rotundo “Non me deixes non” na voz de Eiriz, que non se esquece de facerlle un guiño ao popular e alimentar o corazón con “Airiños, airiños, aires” ou “Negro caravel”. O concerto que dará esta noite ás 21.00 horas no centro Ágora terá de novidade unha incursión ao repertorio galego portugués. Será a primeira ocasión en que Eiriz colla en directo do país irmán “O sacristán de Coimbra” ou o famoso “Lágrima”, de Amália Rodrigues. Ademais, o recital servirá de adianto do que será o seu novo traballo “Desde as cordas do meu corazón”, que verá a luz despois do verán.
Para a posta en escena, o cantante contará coa colaboración de distintos artistas como Pili Pampín, que lle acompañará en catro temas, o artista de jazz Alfredo García, e o dúo formado por Juan Fernández e Richi Ponce. Di Xoán que o espectáculo require da participación da xente amiga porque “é completo” e responde ao eclecticismo propio de Eiriz tanto nos directos como nos proxectos discográficos.
No recital, o espectador poderá levarse no peto hits tan coñecidos como “Hallelujah”, de Leonard Cohen, ou o “Pensa en min”, de Agustín Lara, para completar cun melancólico “Alfonsina e o mar”. Eiriz impulsará a forza de cancións a fala do país co incentivo de que a cita non repercutirá movementos na carteira aos que están na actualidade no paro e aos nenos.

Xoán Eiriz canta por primeira vez o repertorio galego portugués no Ágora

Te puede interesar