Martes 11.12.2018

Espello Cóncavo comeza unha nova etapa con “Occidente”

Lino Braxe estirou como un chicle o espectáculo “Inverno en Occidente” para facer un collage do que está a acontecer nesta parte do globo terráqueo en “Occidente”

A compañía levará en xaneiro ao Rosalía “Romano”	susy suárez
A compañía levará en xaneiro ao Rosalía “Romano” susy suárez

Lino Braxe estirou como un chicle o espectáculo “Inverno en Occidente” para facer un collage do que está a acontecer nesta parte do globo terráqueo en “Occidente”, que Espello Cóncavo estreará mañá ás 20.30 horas no Fórum como a primeira proposta dunha nova etapa. A compañía medra en número con Lino, pero tamén con Manuela Varela como cabezas pensantes, ademais de Arturo López, para tocar con acidez o momento actual e meter todos os asuntos que trascenden á sociedade nun frasquiño de esencias.
“Occidente” repasa temas que van desde os préstamos e preferentes á razón de porque os netos e fillos viven hoxe en día das pensións dos seus avós e pais até pensaren en eliminalos do mapa como solución ao problema. Braxe contaba na presentación que o guión está tamén tinguido co medo que ten a xente a que o papa Francisco sexa envelenado ou coa indecisión de Obama ao non pechar un capítulo como o de Guantánamo porque “aquí viaxamos moito”, comenta o actor Xoán Carlos Mejuto, e os espectadores “rir van rir, pero pensar van pensar”, matiza Braxe.
Tocado todo por unha acidez propia de quen está farto de tanta estupidez e levando a miscelánea de cousas a un escenario simplificado, Lino asegura que é o que toca, porque en “Occidente” non hai poética. Só realidade. Que serven en frío os intérpretes Manuela Varela e Xoán Carlos Mejuto, e que completan Xosé Bonome e Pedro Picos sendo Obama, Monseñor, Kerry a Probador ou Bárcenas. Conta Braxe que o que comezou sendo unha peza de microteatro “Inverno en Occidente” para La Tuerka 27 pasou a converterse nunha peza de longa duración que o propio guionista alimentou con sustancia. Chicha dun mundo que padece e sofre e que pode mañá rirse das súas cousas.

"romano"
Explicaba Pedro Picos que Lino sabe a tecla que ten que tocar para que a posta en escena funcione. Deste xeito, o elenco pasará con seguridade a unha segunda entrega no mes de xaneiro onde si terá cabida unha linguaxe máis poética. O espectáculo, que verá a luz o vindeiro 17 e 18 de xaneiro no Rosalía, titularase “Romano”, que tratará da vida dun senador retirado que, en realidade, “son eu”, di Braxe.
O coruñés conta que a obra é moi autobiográfica e será interpretada por Miguel Pernas, que fará de senador, e de Manuela Varela, sendo a criada. Ademais, haberá un trompista, unha mezzosoprano e outras personaxas propias da época. Con esta montaxe, Lino queda en paz con Roma á que lle debe moito porque foi “onde mellor me trataron” e é a cidade “na que quixera morrer”. Nun universo creativo que mañá ventilará polémicas en tempo récord. Como unha especie de terapia necesaria para desquitarse.

Comentarios