O programa “Galicia 1000” achega ás pemes financiamento á súa medida

O programa “Galicia 1000” achega ás pemes financiamento á súa medida
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-9b369d4f_1

Achegar financiamento adaptado ao tamaño, ás necesidades concretas e á situación de cada empresa é o obxectivo que se busca coa nova convocatoria do programa “Galicia 1000”. Tralo éxito da primeira edición, a Consellería de Economía e Industria incrementa un 50% o orzamento deste plan, sumando 75 millóns para financiar máis de 1.100 novas iniciativas empresariais que sumarán 300 millóns de euros entre investimentos públicos e privados.
A través deste investimento, preténdese consolidar os proxectos de emprendedores e pemes galegas; impulsar procesos de innovación e internacionalización; e facilitar a execución de novos investimentos de empresas en disposición de medrar e crear emprego, especialmente no sector industrial de acordo coa Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0.

Ferramentas
Neste contexto, o programa “Galicia 1000” busca axudar as pemes galegas no seu financiamento e facilitar o acceso ao crédito ofrecendo cinco ferramentas que se adaptan á situación financeira real de cada empresa: fondos de capital risco, préstamos Jeremie e BEI, bonificacións de tipos de xuro e avais. 
O capital risco, primeiro destes instrumentos, suma 40 millóns encamiñados a reforzar o capital das pemes e potenciar que gañen tamaño. Un esforzo que se estende ao impulso de novos proxectos emprendedores, con especial énfase no emprendemento industrial e innovador, e á identificación de empresas tractoras que aposten pola innovación.  
A través de préstamos chegarase tanto aos proxectos industrias das pequenas e medianas empresas como a iniciativas de maior envergadura. No primeiro caso farase cos Jeremie, que se centran en potenciar a competitividade de pemes e microempresas. Estes préstamos, dotados con 8 millóns de fondos europeos, promoven novos investimentos en equipos, naves e maquinaria industrial facilitando a mellora no seu desempeño diario.
Para proxectos de maior contía, incorporarase en datas próximas a liña de préstamos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) que, cun orzamento de 20 millóns de euros para o seu primeiro ano, contribuirá ao fortalecemento da industria galega e á proxección exterior das pemes. Os BEI facilitarán, dun lado, novos investimentos con capacidade para fixar tecido industrial en Galicia, con préstamos de ata 5 millóns e ata 12 anos promovidos, fundamentalmente por pemes industrias e empresas do sector da automoción. E, doutro, apoiarán o circulante de cara a que as empresas fortalezan a súa estrutura financeira e gañen tamaño. 
Para favorecer o emprendemento, especialmente na industria, en condicións máis vantaxosas e achegar liquidez para o desenvolvemento da actividade ordinaria, o Igape ten á disposición das pemes a bonificación de tipos de interese dos préstamos e microcréditos outorgados polas entidades financeiras, con dous millóns de euros. 
A través do programa de microcréditos, os emprendedores, autónomos e microempresas poden acceder a préstamos de ata 25.000 euros con xuros bonificados para financiar os seus investimentos ou circulante para desenvolver a súa actividade. Os beneficiarios desta liña poderán contar cunha axuda financeira adicional do 15% sobre o tramo do microcrédito destinado a financiar activos fixos. Así mesmo poderán acceder a préstamos bonificados superiores a 25.000 euros para financiar os seus investimentos ou circulante asociado. Ademais, e coa finalidade de continuar avanzando no reequilibrio territorial da comunidade, estas dúas liñas financeiras do “Galicia 1000” seguirán a prestar especial atención ás zonas amparadas por plans Impulsa –as provincias de Lugo e Ourense, as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, así como a Costa da Morte–, achegando préstamos ou microcréditos con bonificacións especiais.
Por outra banda, e de acordo co previsto na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 que está a impulsar a Xunta, este ano os proxectos do sector industrial –e os dos emprendedores– poderán acceder a unha bonificación adicional do 0,5%.
Por último, achegaranse cinco millóns para reforzar a solvencia do tecido produtivo avalando operacións de acceso ao circulante. O obxectivo é facilitar o financiamento bancario de cara a impulsar o investimento empresarial e industrial. 
Neste eido, vénse de activar, tamén a través do Igape, unha nova edición do programa Resolve, que facilita a mobilización de préstamos bancarios comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, con prazos de amortización de ata sete anos, avalados polas Sociedades de garantía recíproca colaboradoras e reavalados polo Igape. Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria, a través de Igape e Xesgalicia, segue a colaborar co empresariado para que ningún proxecto viable quede sen facerse por falta de apoio.

O programa “Galicia 1000” achega ás pemes financiamento á súa medida

Te puede interesar