Preto de 150 artesáns abren os seus obradoiros ao público nas Rutas de Artesanía da Xunta

Preto de 150 artesáns abren os seus obradoiros ao público nas Rutas de Artesanía da Xunta
Copia de El Ideal Gallego-9999-99-99-999-e4f3fffe

Poñer en valor os oficios tradicionais e impusalos como atractivo turístico é o obxectivo da iniciativa Rutas de Artesanía, unha proposta da Consellería de Economía e Industria e a Axencia Turismo de Galicia na que están a participar xa preto de 150 artesáns de toda Galicia que abren os seus obradoiros ao público.
O proxecto, que permite aos visitantes coñecer e sentir a artesanía no seu entorno, nace do vínculo natural entre turismo e artesanía, que achega un elemento diferenciador á oferta turística, cunha actividade fortemente ligada ao territorio que permite fixar emprego e tecido empresarial no rural.

tecnoloxía
Nestes aspectos incide a iniciativa Rutas de Artesanía, que inclúe unha aplicación móbil, Obradoiros Abertos, que parte dun traballo previo da Asociación Galega de Artesáns, e que agora incorpora a máis profesionais, todos eles coa marca Artesanía de Galicia, así como novas funcionalidades e rutas vinculadas ao Camiño de Santiago.
Esta aplicación, dispoñible para Android e iOS, achega información sobre cada obradoiro ou punto de interese, xeolocalízao e proporciona a ruta para chegar ata el desde a ubicación do usuario. Como complemento a esta ferramenta, deseñáronse mapas por cada unha das provincias, que se están a distribuír nos principais puntos de interese artesán e turístico.
As Rutas de Artesanía contemplan, ademais, a realización de diferentes accións para zonas de destacado interese turístico, como Ribeira Sacra ou San Andrés de Teixido, nas que se está a avanzar xa, e que se suman ás realizadas previamente pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño coas colareiras do Grove ou as redeiras, apostando pola posta en valor dos oficios tradicionais a través da diversificación e a profesionalización, e impulsando a súa incorporación á marca Artesanía de Galicia.

Retos para a Artesanía
A iniciativa permite avanzar no contemplado no Plan de Artesanía de Galicia, elaborado xunto cos principais axentes co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
Para iso, o plan márcase tres retos: afianzar a competitividade, reforzando un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento artesanal galego; consolidar a marca diferencial, impulsando o posicionamento e prestixio da marca Artesanía de Galicia; e potenciar unha artesanía innovadora e transversal, promovendo a innovación, a presenza dos produtos galegos artesáns na rede e a cooperación con outros sectores produtivos.

Importante sector
O plan parte dun estudo en profundidade e do diálogo cos principais axentes dun sector que emprega xa a máis de 5.000 persoas en Galicia e do que forman parte máis de 2.500 empresas (un 86 por cento autónomos e un 14 por cento sociedades).
A partir da diagnose realizada e das principais achegas dos artesáns fíxanse os tres retos, que se desenvolven en diferentes liñas estratéxicas.
Un dos obxectivos que se marca a Consellería de Economía e Industria con este novo plan, que recolle 82 actuacións específicas, é impulsar a creación de 100 novas empresas no sector artesán, así como incrementar nun 50 por cento os puntos de venda oficiais da marca Artesanía de Galicia ou conseguir aumentar nun 30 por cento as empresas que se inician en procesos de innovación.

Preto de 150 artesáns abren os seus obradoiros ao público nas Rutas de Artesanía da Xunta

Te puede interesar