Os parques empresariais galegos refórzanse con novas iniciativas

O impulso e modernización dos parques empresariais é un aspecto clave para promover a actividade económica nos municipios contribuíndo á xeración de postos de traballo. Por iso, a Consellería de Economía e Industria resolveu recentemente unha nova convocatoria do programa de apoios municipais para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos, que este ano sumou preto de cinco millóns e permitirá impulsar a mellora da competitividade industrial en 55 concellos galegos. 
Este programa súmase ao importante labor de colaboración que a Consellería está a desempeñar coas administracións locais. De feito, a partida orzamentaria vese incrementada en medio millón de euros con respecto á anterior edición, sumando a contía máis importante dos últimos seis anos. 
Apóianse así distintas iniciativas que abarcan eidos diversos como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia. 
Trátase dun total de 69 proxectos, que poden chegar a alcanzar un apoio máximo de 120.000 euros por iniciativa. 

Beneficiarios
Cómpre salientar que cerca da metade dos concellos beneficiados encádranse nas provincias de Lugo e Ourense, correspondendo á provincia da Coruña o 40 por cento e á de Pontevedra preto do 20 por cento. 
Para facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25 por cento da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que nos últimos seis anos leva destinados máis de 21 millóns de euros a este programa. 
Trala finalización dos traballos, teranse impulsado preto de 300 proxectos nos parques empresariais galegos desde o 2009, contribuíndo á mellora das infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da comunidade co obxectivo de atraer investimentos para os concellos galegos. 

Rebaixas
O impulso aos parques empresariais por parte da Xunta está reflectido na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que entre as súas primeiras medidas activou unha rebaixa de ata o 50 por cento no custo do metro cadrado do solo industrial dependente da Xunta, unha iniciativa que leva asociada o financiamento de ata o 40 por cento do custo dos proxectos polo Igape.
A Axenda é unha estratexia consensuada con 120 axentes económicos e sociais, coa que a Xunta busca reinventar a industria galega ata que sume o 20 por cento do PIB, creando 50.000 novos empregos ata 2020. Para acadar ese obxectivo, o Goberno galego destinará, durante o período 2015-16, 120 millóns de euros para xerar investimentos de 500 millóns. Esta folla de ruta desenvólvese a través de cinco eixes de actuación: factores territoriais de competitividade, persoas e organizacións, crecemento, innovación e mercados.

Os parques empresariais galegos refórzanse con novas iniciativas

Te puede interesar