Os novos investimentos impulsan a competitividade das pemes

Os novos investimentos impulsan 
a competitividade das pemes
O programa Galicia Inviste favorece a adquisición de maquinaria e bens de equipo para ampliar a produción ou promover a diversificación

Unha das ferramentas das que dispoñen as pequenas e medianas empresas galegas para impulsar os investimentos e activar proxectos xeradores de emprego é o Galicia Inviste, un programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria que conta este ano cun orzamento de doce millóns de euros.
Este programa, aberto á presentación de solicitudes ata o 30 de decembro, contempla axudas de ata o 35% do investimento empresarial aprobado, contando con potencial para a mobilización de arredor de 50 millóns de euros en investimentos empresariais impulsados por pemes galegas.
A través deste programa, o Igape apoia proxectos de adquisición de maquinaria ou bens de equipo para ampliar a capacidade de produción, ou promover a diversificación e cambios esenciais nos procesos produtivos das compañías en funcionamento.
Entre outros aspectos, no proceso de avaliación para fixar a contía das axudas valorarase o interese ambiental dos proxectos, que conten con certificación ambiental, e obterán maior puntuación os proxectos impulsados por pequenas empresas.

Creación de emprego
Ademais, esta convocatoria de axudas tamén apoia investimentos en obra civil ou maquinaria e outros bens de equipo para a creación de novos establecementos empresariais ou para a ampliación de instalacións produtivas con alto potencial de creación de emprego. Tamén neste caso, a porcentaxe de axuda pública poderá ser superior no caso dos proxectos impulsados por pequenas empresas con menos de 50 empregados.
Estas axudas poderán apoiar o financiamento de investimentos empresariais comprendidos entre os 50.000 e os 900.000 euros. Para financiar investimentos de superior contía, as empresas galegas teñen a posibilidade de acollerse ás axudas habilitadas polo Goberno do Estado a través da liña de Incentivos Rexionais do Ministerio de Hacienda, xestionada en Galicia tamén a través do Igape.

Galicia1000
Co obxectivo de procurar que as empresas, especialmente as pemes, dispoñan en todo momento de instrumentos axeitados para os seus proxectos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén impulsando durante os últimos anos, a través do Igape e de Xesgalicia, o programa de financiamento Galicia 1000, que ten como principal finalidade a de fortalecer o tecido empresarial e industrial galego.
O programa Galicia1000 supón unha aposta clara da Xunta por reforzar o investimento que permita a creación de novos negocios e o crecemento das compañías xa existentes na comunidade. Así, vense impulsando o fortalecemento das estruturas financeiras e a capacidade innovadora das pequenas e medianas empresas, así como a súa internacionalización e a súa adaptación á Industria 4.0, de acordo coa Axenda da Competitividade que está a desenvolver o Goberno galego.
Mediante o programa Galicia1000, a Xunta busca achegar financiamento adaptado ao tamaño, ás necesidades concretas e á situación específica de cada empresa, centrándose de maneira especial nas pemes. Este paquete integral de financiamento xa conta con experiencia probada no apoio dos proxectos das empresas galegas. De feito, é a espera de pechar a edición vixente, o programa Galicia1000 acadou importantes éxitos durante as dúas edicións anteriores, contribuíndo ao desenvolvemento de máis de 2.000 proxectos na comunidade, o que supuxo a mobilización de 400 millóns de euros.
O programa Galicia 1000 pon o seu foco no investimento, no crecemento empresarial, na mellora da competitividade e no funcionamento operativo das pemes e microempresas galegas, reforzando así o tecido produtivo da comunidade; así como na implantación das tecnoloxías e equipos asociados á Industria 4.0, que pivota ao redor da fábrica intelixente.
Dentro do programa Galicia 1000, e tamén para completar os apoios ao financiamento dos investimentos das microempresas e das pemes a Xunta habilitou este ano programas de microcréditos e préstamos bancarios con xuros bonificados. Pola súa parte, os emprendedores galegos poden contar con axudas para a posta en marcha das súas iniciativas empresariais, así como con préstamos directos ou participativos a través de fondos como o Galicia Iniciativas Emprendedoras de Xesgalicia.

Os novos investimentos impulsan a competitividade das pemes

Te puede interesar