O impulso da biotecnoloxía permite captar investimentos e talento para Galicia

O impulso da biotecnoloxía permite captar investimentos e talento para Galicia
Imaxen do laboratorio do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, en Vilagarcía de Arousa

O impulso da biotecnoloxía sitúase como un dos principais polos estratéxicos de presente e de futuro para a atracción de investimentos e talento para Galicia. Este desenvolvemento do sector Bio e os avances que as empresas galegas empezan a alcanzar neste eido posibilitan a dinamización e modernización de ámbitos tradicionais da economía.
Este papel destacado e esencial da biotecnoloxía é fundamental na potenciación do resto de sectores estratéxicos galegos, permitindo impulsar novos produtos e procesos para o sector lácteo, un mellor aproveitamento dos recursos mariños e pesqueiros, e reforzar a eficiencia na sanidade animal e derivados, a alimentación funcional e o envellecemento activo, as novas tecnoloxías para a medicina personalizada, a innovación aberta no descubrimento de fármacos e as tecnoloxías facilitadoras. 
Deste xeito, a comunidade galega poderá constituír un Biopolo que conecte a todos os axentes do sector e contribúa a atraer a grandes clientes dos sectores target do negocio biotecnolóxico, así como a potenciar o bioemprendemento.

Nova estratexia
Para colaborar coas empresas galegas que se dedican a este sector, o Goberno galego apostou por desenvolver a nova Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020, completando así pasos alcanzados antes como situar a biotecnoloxía como unha ferramenta clave na Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3 e convertela nun sector estratéxico da Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0.
Galicia xa é hoxe unha das principais rexións españolas en termos de creación de empresas Bio. O 2,11% do total de novas sociedades creadas en Galicia son biotecnolóxicas, unha cifra que dobra a media estatal e que converte á rexión na cuarta de España neste eido. A Estratexia busca, neste senso, potenciar aínda máis esa fortaleza para facer da comunidade o mercado con maior velocidade de creación de empresas biotecnolóxicas. Este novo proxecto ten como obxectivos a creación de 30 novas empresas biotecnolóxicas en Galicia, crecendo un 15 por cento sobre as preto de 220 coas que se conta na actualidade; acadar unha facturación de 300 millóns de euros, crecendo un 20 por cento sobre os preto de 250 millóns de euros que suman hoxe; xerar 300 novos empregos cualificados no sector, un 25 por cento máis dos preto de 1.300 postos de traballo que existen neste momento; e acadar un recoñecemento internacional de Galicia no entorno biotecnolóxico.
Esta folla de ruta conta cun investimento de 200 millóns de euros ata finais desta década, dos cales 125 serán fondos públicos e preto de 75 millóns corresponderían ao capital privado. 
Deste xeito, complétanse os 92 millóns en apoio á biotecnoloxía que se mobilizaron no período 2012-2015 e que se centraron fundamentalmente en proxectos de innovación empresarial, compra pública innovadora, respaldo aos organismos de investigación e financiamento mediante capital risco, entre outros apoios. 
Froito deste esforzo foron proxectos como a Unidade Mixta formada por Roche Farma e a Fundación Ramón Domínguez, destinada a avanzar na oncoloxía de precisión.
A implicación do sector na elaboración desta Estratexia resultou fundamental para axustar a proposta ás necesidades reais existentes e cubrir as expectativas de futuro. En total, participaron 66 axentes entre empresas, institucións, organismos, asociacións e centros de investigación e universidades, ademais de entidades investidoras que terán un rol clave no financiamento dos proxectos, como XesGalicia.

Participación no deseño
O seu traballo permitiu dispoñer dunha folla de ruta que conta con tres eixos estratéxicos, centrados en investigación e transferencia de tecnoloxía á empresa, consolidación empresarial e atracción de empresas tractoras. Eses eixos son apoiados por sete programas de actuación e 42 accións, que arrancarán de forma inmediata. 
As principais accións céntranse en iniciativas como Bio-ReAcciona, de apoio á función xestora e comercial; unha Rede de Bio-Aceleradoras; apoio ao financiamento mediante instrumentos financeiros innovadores e colaboración público privada; o impulso ás agrupacións de coñecemento; un Plan de impulso á imaxe de Galicia no exterior; e, en especial, unha iniciativa de compra pública innovadora como panca de tracción. Esta última medida implicarase desde o primeiro momento no proceso de creación de novas tecnoloxías, facilitando o crecemento das empresas galegas e o traballo dos investigadores.

O impulso da biotecnoloxía permite captar investimentos e talento para Galicia

Te puede interesar