Galicia medra en innovación a través da Estratexia de Especialización Intelixente

Galicia medra en innovación a través da Estratexia de Especialización Intelixente

Guiar a transformación da economía galega cara un sistema produtivo baseado na innovación é o obxectivo da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Xa no seu primeiro ano de execución esta folla de ruta que permitirá a Galicia obter fondos europeos ata 2020 mobilizou 220 millóns de euros en innovación a partir dun investimento público de 113 millóns, impulsando 626 iniciativas innovadoras nas pemes galegas. 
Unhas cifras estas últimas que se verán incrementadas así mesmo con diferentes iniciativas, como a convocatoria para implantar un polo tecnolóxico para avións non tripulados, así como coa participación de Galicia na presente edición do programa Innterconecta. 
Esta capacidade de mobilización de capital verase acelerada coa activación do período orzamentario dos Feder. Galicia ten sido, así, das poucas comunidades capaces de iniciar a execución da súa RIS3 sen agardar aos fondos estruturais, cuxa chegada acelerará aínda máis o impacto da Estratexia na economía galega. 
O desenvolvemento da RIS3 está a permitir impulsar unha política galega de innovación sólida e eficiente, con capacidade para promover a competitividade empresarial, o crecemento económico e a creación de emprego estable. Así, a Estratexia susténtase no apoio ás pemes, na implicación do capital privado, na transferencia de resultados da investigación ao tecido empresarial, e no emprendemento innovador.
Neste contexto, dos tres retos plantexados pola RIS3, a mellora da competitividade e a diversificación da industria concentrou cerca do 60% da mobilización de capital, case 130 millóns de euros, en liña coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 coa que o Goberno galego busca modernizar o tecido industrial da Comunidade. 
A xestión innovadora dos recursos naturais e culturais concentrou o 27% dos fondos mobilizados, e o resto correspondeulle ao desenvolvemento dun novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.
Así mesmo, o apoio ás pequenas e medianas empresas é outro dos puntos destacados da Estratexia, acadando o 94% das axudas concedidos ao sector produtivo. 
Deste xeito, facilítase a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial galego, conformado na súa maioría por pemes, ao tempo que se impulsa a mellora da súa competitividade e o crecemento da economía galega. 

Atracción de capital privado
Pola súa banda, cómpre salientar que as grandes empresas foron os axentes que demostraron unha maior capacidade mobilizadora de capital, de forma que por cada euro recibido en axudas públicas con cargo á RIS3 achegaron máis de 5 euros. 
Esta atracción de capital privado, unido á transferencia de resultados da innovación á empresa, suman case o 75% dos fondos destinados e configúranse como os eixos máis relevantes no desenvolvemento da RIS3, contribuíndo ao crecemento económico e á xeración de emprego. Neste sentido, programas como as Unidades Mixtas de Investigación teñen permitido activar preto dunha vintena de alianzas entre centros de coñecemento galegos e grandes empresas líderes dos seus sectores.
Así mesmo, outro tipo de iniciativas como os contratos-programa supoñen unha aposta moi importante para facilitar a chegada dos resultados da investigación ao mercado de cara a que o coñecemento sexa a base da competitividade da economía galega no mercado global. 
Neste sentido, os instrumentos activados contribuíron a mellorar a capacidade dos axentes do Sistema Galego de I+D+i para competir a nivel internacional. 
Así o demostra o nivel de captación de fondos procedentes do programa Horizonte 2020, que neste primeiro ano de execución se incrementou en máis dun 200% en relación ao mesmo período do anterior, o 7º Programa Marco. Ademais, Galicia lidera o 38% dos proxectos concedidos no H2020, catro veces máis que no mesmo período do anterior programa.

Galicia medra en innovación a través da Estratexia de Especialización Intelixente

Te puede interesar