A formación e o asesoramento son claves para o emprego de calidade

A formación e o asesoramento son claves para o emprego de calidade
A Axenda 20 impulsa a reorientación dos servizos de atención ás persoas que demandan emprego para casar as súas necesidades coas das empresas

A Axenda 20 para o Emprego é a nova folla de ruta coa que conta Galicia para impulsar a calidade e a estabilidade do emprego na comunidade autónoma. Para acadar este obxectivo, o documento elaborado pola Xunta, que dispón dun orzamento de 900 millóns de euros durante os próximos cinco anos, asegura que é preciso apostar por unha formación de calidade e por ofrecer unha atención cada vez máis personalizada aos demandantes de emprego.
A activación da Axenda por parte do Goberno galego inclúe a consecución dunha serie de fitos ao longo do próximo lustro. Así, de acordo cos obxectivos tamén marcados no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, a Axenda establece como prioridades reducir a taxa de paro ata o 10 por cento, crear 100.000 novos empregos e asinar 50.000 novos contratos indefinidos.
Cun investimento anual de 180 millóns de euros, a nova axenda autonómica en materia laboral contempla un total de 20 medidas que se agrupan en tres eixos considerados estratéxicos para o Goberno galego: a creación de emprego de calidade como elemento clave da competitividade; a formación e a capacitación como pancas do cambio do modelo produtivo; e a reorientación dos servizos de atención ás persoas que demandan emprego para intentar casar as súas necesidades coas das empresas. 

Grandes retos
A consecución do primeiro gran reto da Axenda 20 para o Emprego –conseguir a creación de postos de traballo de calidade en Galicia– require dunha visión global que permita xerar un punto de partida para o debate e o consenso cos interlocutores sociais. 
Neste sentido, unha das medidas que tense que reforzar é a de incentivar a contratación e fomentar o autoemprego entre aqueles colectivos que teñen máis dificultades para atopar un traballo, como as mulleres, os parados de longa duración, a mocidade e as persoas con discapacidade.
Nesta aposta por incidir na contratación e na busca do autoemprego, a Xunta pon preto de 75 millóns de euros a disposición de empresas e traballadores. Entre os mecanismos dirixidos a esta finalidade destaca o programa Aprol, que precisamente promove a contratación entre os colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado laboral.
Outra das novidades desta folla de ruta da Consellería de Economía, Emprego e Industria será a activación de Lanzadeiras de Emprego para promover a busca de emprego, o emprendemento e o autoemprego a través da Administración Local, entidades sen ánimo de lucro e empresas privadas.
Para superar o segundo gran reto, mellorar a formación dos traballadores, a Axenda 20 para o Emprego inclúe catro medidas básicas: crear Unidades de Formación na Empresa para impulsar dentro do tecido empresarial a especialización e capacitación con compromiso de contratación; aprobar un programa de formación e emprego no rural atendendo ás súas necesidades específicas; profundar nun modelo de formación que responda ás necesidades do mercado, unha liña na que a Xunta está xa a avanzar mediante a FP Dual; ou lanzar o Cheque Formación para que as persoas desempregadas teñan máis liberdade de elección á hora de escoller accións formativas concretas para mellorar a súa empregabilidade. 
A aparición de novas ocupacións e as transformacións doutras supón un desafío de adaptación das competencias e prácticas das persoas que procuran un emprego. Por este motivo, é preciso actualizar a formación, anticipando novas tendencias nos sectores estratéxicos e prover as accións de capacitación e especialización que requiren ás persoas demandantes de emprego. Así mesmo, desde a Xunta activarase un programa con accións formativas no rural atendendo as súas necesidades específicas e impulsando o emprego nas zonas interiores de Galicia.   

Enfoque social
A Axenda 20 para o Emprego tamén conta cun enfoque claramente social, pois o novo documento busca reorientar os servizos de atención ás persoas que demandan emprego. Neste senso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria creará un novo portal do Servizo Público de Emprego de Galicia para implantar, a través deste mecanismo, un sistema de xestión de calidade. 
O Goberno galego quere poñer en marcha un novo modelo de orientación no que se combinen tanto accións presenciais como online, favorecendo a atención dos usuarios. é preciso actualizar a formación, anticipando novas tendencias nos sectores estratéxicos
O documento proxecta tamén relacións laborais máis sólidas para favorecer a igualdade e conciliación laboral e familiar. Neste último senso, a Axenda reforza os incentivos ás pemes para implantar medidas centradas nestes ámbitos e na Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e flexibilidade laboral.

A formación e o asesoramento son claves para o emprego de calidade

Te puede interesar