Fomentar a valorización enerxética de residuos non reciclables beneficia ó país

“A promoción da valorización enerxética da fracción non reciclable dos residuos urbanos traería consigo importantes oportunidades para o medio ambiente, a economía e a sociedade no noso país”. 
Así se recolle nun estudo realizado por G-Advisory, do Grupo Garrigues, e que foi encargado por AEVERSU, a Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos, que aglutina á súa vez a dez plantas (nove en España e unha en Andorra)  cuxa actividade se centra na recuperación, en forma de electricidade e calor, do poder calorífico daqueles refugallos que, de non seguir este camiño, acabarían desperdiciados en vertedoiro, co conseguinte impacto ambiental. O estudo está a disposición dos interesados na páxina web de Sogama.
Tras unhas palabras de benvida por parte de Máximo Martín Jiménez, Socio de G-Advisory, o estudo foi presentado públicamente en Madrid o pasado 6 de outubro,  nun acto que contou coa presenza do Presidente de Aeversu, Rafael Guinea Mairlot, quen fixo unha introdución ao documento, sendo Ernesto Lluch Moreno, Director de G-Advisory, o encargado de dar a coñecer os resultados do mesmo.

CONCLUSIÓNS
Conforme á xerarquía de xestión contemplada pola Directiva Marco de Residuos, a valorización enerxética debe prevalecer sobre o depósito en vertedoiro. 
Así o entenderon numerosos países europeos (é o caso de Alemaña, Suecia, Holanda, Dinamarca, Bélxica e Austria), que decidiron no seu momento incrementar a recuperación enerxética, con valores entre o 35 e o 54 por cento dos residuos urbanos xestionados, o que lles permitiu eliminar prácticamente a opción de vertido, resultando este inferior ao 4 por cento. En España, pola contra, a valorización enerxética limítase ao 10 por cento, disparándose as taxas de vertido ata o 60 por cento.
A valorización enerxética constitúe, ademais, un notable apoio para o cumprimento dos obxectivos proclamados pola Unión Europea en relación aos residuos urbanos, e que pasan por acadar, como mínimo, o reciclado do 50 por cento en peso antes de 2020, e diminuír o uso do vertedoiro, limitando a un máximo do 35 por cento a cantidade de materia biodegradable a depositar no mesmo. 
As vantaxes sobre o vertido son evidentes, podendo destacar, entre outras, que non precisa de grandes estensións de terreo, pesando sobre a mesma un rigoroso e exhaustivo control ambiental derivado da lexislación aplicable, moito máis estrita que a que rexe para os vertedoiros e outras infraestruturas industriais, sendo tamén menores as emisións de efecto invernadoiro.
O sistema contribuiría igualmente a reducir a dependencia enerxética exterior de España e o seu alto custo económico. E é que, segundo cifras do 2013, España estaría asumindo na balanza comercial un déficit anual de case 41.000 millóns de euros pola compra de enerxía que non somos capaces de xerar de forma autosuficiente. Estímase en 26,3 euros de aforro por cada MWh de enerxía eléctrica procedente destas instalacións, o que significaría un considerable empuxe cara a prezos de electricidade máis competitivos

Ingresos
Desde a perspectiva social e económica, cabe dicir que a valorización enerxética xera anualmente ingresos por importe de 273 millóns de euros e un valor engadido bruto de 90 millóns, posibilitando máis dun milleiro de postos de traballo. 
Estas cifras  poderían duplicarse no 2020 se España apostase realmente pola recuperación enerxética da parte non reciclable, coa particularidade de que as instalacións de valorización xeran tres veces máis investimento que os vertedoiros, o que derivaría nunha maior capacidade de xeración de actividade económica.
Trala análise pormenorizada de todos os aspectos de interese, o estudo recoñece a alta controversia ambiental que históricamente chegou a producir a actividade das plantas de recuperación enerxética, apuntando á necesidade de que o sector se  esforce e implique, desde a máis absoluta transparencia, en tarefas informativas e formativas nas que se explique, con absoluta claridade, as súas múltiples vantaxes.

Fomentar a valorización enerxética de residuos non reciclables beneficia ó país

Te puede interesar