O eixe estratéxico de benestar e cohesión social leva máis da metade do Orzamento

O eixe estratéxico de benestar e cohesión social leva máis da metade do Orzamento

O eixe estratéxico de benestar e cohesión social concentrará máis da metade dos recursos dos que disporá a Xunta o vindeiro ano. Este é un dos cinco eixes de actuación que establece o Plan Estratéxico 2015-2020, que xa terá plasmación nas contas do Goberno galego para o 2016.
En concreto, os cinco eixes disporán o vindeiro ano de 8.712 millóns de euros. Na distribución de recursos ponse de manifesto que son os gastos destinados a mellorar a cohesión social e o benestar das persoas e as familias os que absorben unha maior parte do orzamento. Así, a partida destinada a este eixe ascende a un total de 4.381 millóns de euros e representa o 50,3 por cento do total.
O Executivo galego márcase deste xeito como principal prioridade garantir e manter os gastos sociais, cuns servizos públicos de calidade dirixidos á cidadanía; mellorar os servizos sociais a familias e á infancia, apoiar a conciliación, ofrecer servizos e axudas complementarios da educación, políticas de xuventude e cooperación, e manter un sistema de servizos sociais de atención ás persoas maiores e dependentes.

Igualdade
Así mesmo, o Plan Estratéxico 2015-2020 recolle dentro das súas actuacións a promoción da igualdade de oportunidades dos homes e mulleres galegas, ofrecendo ás persoas que se atopan con especiais dificultades os recursos e servizos que lles garantan a súa inclusión social. 
O segundo eixe estratéxico que recibe máis recursos é o de empregabilidade e crecemento intelixente, cun orzamento total de 2.785 millóns de euros, o que supón o 32 por cento do total. Neste eixe atópanse as políticas de gastos vinculadas á I+D+i, que permiten integrar a Galicia no círculo virtuoso da innovación para o crecemento. Destaca o fomento da actividade empresarial e comercial, co impulso da competividade e a internacionalización das empresas e autónomos, o apoio á artesanía, a regulación sectorial e a protección da competencia.
Ademais, entre as prioridades deste eixe están as de completar Galicia no relativo a infraestruturas básicas e dar un novo pulo ás políticas de rehabilitación e a conservación da vivenda.
Outro dos ámbitos prioritarios é o mercado de traballo. O aumento da empregabilidade e da produtividade dos traballadores galegos a través da formación e innovación constante é outro dos obxectivos fundamentais do Goberno galego para o vindeiro ano. Outro dos retos é o de minimizar o fracaso escolar e aliñarse en resultados coas rexións líderes de Europa en todos os niveis.

Crecemento sustentable
O Plan Estratéxico 2015-2020 establece tamén como eixe prioritario o impulso ao crecemento sustentable, o territorio e o agro, os montes e o mar. 
Os Orzamentos da Xunta para 2016 inclúen un orzamento de 933 millóns de euros para darlle pulo a un eixe que ten entre os seus obxectivos o fomento dun sector primario baseado na innovación e a calidade do produto galego, coa meta de favorecer a fixación de poboación no medio rural. 
Tamén se inclúe neste eixe o fomento dunha economía baixa en carbono e unha enerxía renovable eficiente, intelixente e non agresiva co medio ambiente e a paisaxe.
Entre as prioridades, a Xunta destaca a potenciación do turismo en Galicia a partir dun medio ambiente e unha cultura privilexiados; a conservación da natureza, a ordenación do territorio e da paisaxe e a cohesión territorial. Por último, establécese o reto de pechar un modelo consistente de tratamento de residuos e un modelo de ciclo da auga líder en Europa.

O eixe estratéxico de benestar e cohesión social leva máis da metade do Orzamento

Te puede interesar