O Consorcio de Santiago saca a concurso as obras de reparación de varias cubertas do Auditorio de Galicia

O Consorcio de Santiago licitou as obras de reparación de varias cubertas do Auditorio de Galicia e manterá aberto ata o 8 de maio o prazo para que as empresas presenten as súas ofertas. Os arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio responsables deste proxecto son Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida.

O obxecto desta intervención é a eliminación das humidades procedentes das cubertas do edificio, xunto á revisión e reparación do sistema de recollida de augas pluviais. O prazo de execución estimado será duns 10 meses.

Segundo apuntou o Consorcio, a pesar de que case a totalidade das cubertas orixinais do edificio foron substituídas no últimos dez anos, aínda quedan algunhas con "un alto grao de deterioración", o que provoca "pingueiras incontrolables nos días de forte choiva e vento".

Na intervención substituirase a cuberta do vestíbulo de entrada por outra de características similares, de lámina de cobre. Ademais, tamén se substituirá o anel exterior da cuberta da sala circular e realizaranse dúas gárgolas con función de aliviadoiro para que a auga escape cara ao exterior e non quede retida.

Na sala circular cambiarase o actual lucernario por outro de vidro, que permita a aireación e evite condensacións no interior da estancia, á vez que se renovará o pavimento.

CAMERINOS E GALERÍAS

Doutra banda, nos camerinos colocaranse aireadores na parte alta das portas, con silenciador acústico. Así mesmo, pintaranse tanto os camerinos como os corredores de distribución.

No caso das galerías, modificaranse algúns elementos para evitar as condensacións nos corredores e demais espazos de peche. Finalmente, eliminaranse os falsos teitos en mal estado e colocaranse outros novos.

O Consorcio de Santiago saca a concurso as obras de reparación de varias cubertas do Auditorio de Galicia

Te puede interesar