lunes 26/10/20

A Xunta aproba o protocolo de medidas fronte ao virus

O Goberno autonómico deixa que cada federación deportiva galega elabore o seu propio plan de prevención atendendo ás súas modalidades e especialidades
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha xuntanza virtual cos responsables das 58 federacións deportivas de Galicia  | aec
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha xuntanza virtual cos responsables das 58 federacións deportivas de Galicia | aec

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de aprobar o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 no ámbito do deporte federado de Galicia e que será a norma básica de referencia neste ámbito. Tanto o protocolo como a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pódense consultar na páxina web do Deporte galego.

Neste sentido, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha nova xuntanza virtual cos responsables das 58 federacións deportivas de Galicia cos que repasou as medidas de prevención no ámbito deportivo necesarias unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara unha nova normalidade e dadas a coñecer na resolución do 12 de xuño, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade. 

Seguindo o disposto nesta resolución e tomando como referencia o protocolo FISICOVID, cada federación galega elaborará o seu propio protocolo atendendo ás súas modalidades e especialidades deportivas, e que será de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos. Os protocolos deberán ser comunicado á Secretaría Xeral para o Deporte e publicado na páxina web de cada federación. 

Diagnose exhaustiva     
O protocolo FISICOVID-DXTGALEGO responde á ferramenta de identificación de situacións de contaxio no deporte, un instrumento realizado tras unha diagnose exhaustiva e de forma individualizada con cada unha das preto de 300 especialidades deportivas. 

Esta ferramenta foi realizada tendo en conta as condutas de todos os axentes humanos que participan no deporte, a partir da lóxica organizativa e funcional, indagando sobre todas as potenciais fontes de contaxio vistas desde todas as perspectivas.  O obxectivo primordial é limitar ao máximo posible a capacidade de transmisión do coronavirus desde o primeiro desprazamento cara a instalación, durante o feito deportivo e despois do mesmo e, por conseguinte, evitar futuros contaxios en contornas familiares, locais, profesionais, escolares ou outros.

O obxecto do plan aprobado pola Xunta é establecer a metodoloxía para que as federacións realicen o seus propios protocolos. No FISICOVID-DXTGALEGO inclúense as medidas que as federacións deben fixar para reducir o risco de contaxio diferenciadas das medidas de desinfección de superficies e material, así como as medidas para os axentes que directa ou indirectamente participen na práctica deportiva.

Comentarios