Vázquez: “É un mes importante para dicir quen somos na Liga”

Vázquez: “É un mes importante para dicir quen somos na Liga”
.

Nas próximas semanas, o Deportivo calibrará as súas aspiracións. O obxectivo é manterse nos postos de cabeza cando cheguen as vacacións de Nadal e, para iso, terá que superar obstáculos esixentes: Recreativo de Huelva, Mallorca, Ponferradina e Lugo.
“Igual pasa este mes e seguimos todos en pelotón, depende dos resultados, pero é un mes importante para dicir quen somos na competición. Antes das vacacións teremos unha idea concreta sobre nós”, declarou o preparador branquiazul tras o día de descanso do equipo.
Vázquez recoñeceu que aos seus xogadores lles esixe o ascenso a Primeira División, se ben matizou que non logralo tampouco supoñería unha frustración. “Podería ser penoso e duro que che esixas o ascenso e ao final non chegues, é frustrante. Pero para conseguir algo hai que esixirlles aos futbolistas que o consigan. Se non o conseguimos, ten que ser unha frustración. Dentro do vestiario falamos diso. Eu esíxolles o máximo, teñen que dar o nivel de ascenso”, declarou o míster.
O primeiro encontro será ante o líder. Enfrontaranse o mellor ataque e a mellor defensa. O guión do partido podería intuírse: atacarán os andaluces e defenderán os deportivistas. Vázquez non o ten tan claro. Polo menos a priori. “Nunca se sabe. Eu posiciónome a nivel defensivo. Se recuperamos a pelota e a conseguimos ter, terémola. De inicio, sempre se busca o contraataque. Se non sae, buscaremos o ataque”, comentou.
O outro equipo galego da categoría, o Lugo, segundo clasificado, conseguiu empatar no Colombino o mes pasado. Empezou gañando 0-3, pero deixouse dous puntos no tempo de desconto tras unha agresión de Víctor Marco que lle custou a expulsión -e tamén o posto de titular na zaga vermella e branca-.
“O Lugo fixo repregamento en mediocampo saíndo no momento axeitado e con moito acerto. Foi o partido soñado no primeiro tempo, con 0-3, pero o Recreativo demostrou capacidade de reacción e fútbol. É un equipo perigoso e con ritmo alto de xogo”, advertiu.
Ao técnico branquiazul non lle colleu por sorpresa a candidatura do Recreativo ao ascenso, pero si a súa situación na clasificación -cinco puntos máis que o Lugo e seis máis que o Depor-.
“Ao inicio de tempada sempre hai un equipo co que ninguén conta e que se dispara. O Recreativo é un equipo amplo, cun equipo de calidade, non esperaba que estivese escapado, pero como candidato si o vía. Eles mesmos recoñéceno. É un equipo atractivo”, dixo.
Os números defensivos do Deportivo avalan a súa candidatura ao ascenso. Os ofensivos, invitan ao pesimismo. “O máis difícil é valorar cales son as túas forzas con respecto aos demais. Do nivel defensivo non me queixo, pero a nivel ofensivo deberiamos sacar algo máis. Non creo que esteamos pletóricos”, admitiu.
No adestramento de onte, ante as baixas, moveu a Seoane de extremo. Non era máis que unha proba por necesidade. “Era un adestramento con pouca xente e tiven que facer encaixe de palillos”, dixo antes de explicar que a posición avanzada do lateral “é unha posibilidade” que non nega. Iso si, se sae con catro laterais no once vai “estar exposto”. Na súa comparecencia, tamén se referiu ao concurso de acredores do Deportivo.
“Creo que iso non afecta ao vestiario. A xente está a cobrar e son cousas que non deberían afectar. A min gustaríame que todo estivese claro, que o futuro estivese aberto. Estamos atentos, pero nada máis”, sentenciou o adestrador. n

Vázquez: “É un mes importante para dicir quen somos na Liga”

Te puede interesar