“Somos como un coitelo romo”

“Somos como un coitelo romo”
Vázquez, no adestramento de onte na cidade deportiva de Abegondo quintana

Unha vitoria e dous empates. É o balance do Deportivo en Riazor. E estase a converter nunha obsesión. Ao equipo atragóaselle xogar na casa e psicoloxicamente empeza a pasar factura. Descentra. Por iso Fernando Vázquez pide aos seus xogadores que non pensen nos precedentes na casa nin fagan contas. Que se centren no verdadeiramente importante: sacar adiante o partido ante o Real Madrid Castilla. O demáis non importa esta tarde.

“Todo o que sexa pensar fóra do partido non axuda a render. Botamos contas cando estamos a xogar, chega o minuto 60, empezas a pensar nas consecuencias dun resultado e, cando estás a pensar nas consecuencias dunha acción, iso impídeche estar realmente na acción. Ademais, os resultados de Riazor supoñen unha carga para o equipo cando estás fóra de casa”, comentou o preparador deportivista.
Para aliviar a situación e o pensamento, fai falta confianza. E iso, dano os resultados favorables. O Deportivo necesita encadear vitorias na casa para convencerse a si mesmo e á bancada.
“Unha ou dúas vitorias axudarían, fomentarían unha dinámica de confianza, de tranquilidade. A nós e a afección, que vén un pouco dubitativa ao estadio e iso tampouco axuda”, manifestou o de Castrofeito.
O Deportivo vive angustioso na casa. O seu rival, segundo Vázquez, virá a Riazor a gozar aínda que sexa o último clasificado de Segunda.
“É un filial, son xuventude, ambición... Marchoulles xente moi importante e tiveron que construír un equipo case dende cero. Nós collémolo na fase B. Na fase A, o Madrid perdía todo; agora mellorou. Virán a Riazor a demostrar o bos que son, a gozar do partido. Non están a pensar en que ‘se non gañamos...’ Non como quizais pensen os nosos xogadores, que poden pensar que non gañamos aquí nunca” expuxo.
O Deportivo agravou a súa situación coa derrota en Tenerife a semana pasada. “Así como contra o Zaragoza sabiamos ben o que tiñamos que facer e o fixemos, en Tenerife, ademáis de que faltaban xogadores importantes, a idea de ir a dominar ao Tenerife e iso levounos a equivocarnos. Equivocouse o adestrador e os xogadores e probablemente fose o peor partido do equipo esta tempada”, recoñeceu o máximo responsable do banco do Deportivo, que cumprirá o seu segundo encontro de sanción esta tarde tras ser expulsado no anterior partido que o equipo disputou no estadio de Riazor.
De aí que agora estea obrigado a gañar ao Real Madrid Castilla para poder seguir nos postos privilexiados da clasificación. Vázquez non ve diferenza entre os partidos de casa e os que o equipo xoga fóra. Todos supoñen tres puntos.
“Para nós son todos os partidos iguais. Que partido non hai importante? Queremos estar arriba e estámolo a conseguir gañando fóra. Na casa non o estamos a lograr e é importante. Para min e os xogadores sería marabilloso gañar sempre diante da afección”, dixo.
Para conseguilo, hai que mellorar en ataque. Chegar máis, facelo con claridade, marcar. “Ser ofensivo é estar en fase ofensiva. Que se entende por equipo ofensivo? Aquel que fai ocasións de gol e fai goles. Nós estamos na fase anterior. Queremos ser ofensivos, temos posesión de balón, pero, non obstante, non conseguimos crear ocasións de gol. Non é que non queiramos ser ofensivos. Un é ofensivo cando ataca e nós temos problemas en ataque. Ás veces estamos moito tempo en fase ofensiva pero non conseguimos nada, como o coitelo que está romo e non corta a carne”, sinalou o míster.
Progresar en tarefas ofensivas e manter a identidade defensiva. Ese é o propósito do Deportivo, un equipo serio atrás pero con pouca profundidade, especialmente no estadio de Riazor.
“Co que temos (no equipo), temos que mellorar. Estou a buscar fórmulas para ser mellores nese sentido sen perder as características que temos, que somos un equipo moi difícil para o rival e queremos que se nos valore e se nos coñeza por iso”, comentou o adestrador do Deportivo.

“Somos como un coitelo romo”

Te puede interesar