Pelísek e Figueroa venceron

Pelísek e Figueroa venceron
Deporte Campeón-2016-04-18-036-25891841

Coruña42 xa ten quen defenda o título nas rúas da cidade o ano que vén. O checo David Pelísek e a galega María del Rosario Figueroa coroáronse campión e campioa, respectivamente, da quinta edición da Maratón Atlántica. A proba, que está organizada polo Servizo Municipal de Deportes coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, forma parte do calendario estatal de da Real Federación Española de Atletismo (RFEA). 
A carreira desenvolveuse con total normalidade e convocou desde primeira hora da mañá a 2.396 deportistas nos Cantóns, que participaron tanto no maratón, cuxo percorrido situouse á beira da enseada do Orzán e do porto coruñés, coma na proba de carácter popular 10K. Nesta última, cuxa saída foi ás 8.45 horas, Edson Gómez e Inés Papín cruzaron en primeira posición, nas súas respectivas categorías, a liña de meta.
Coruña42 arrincou ás 8.30 horas no Obelisco, logo dun minuto de silencio en memoria dos dous deportistas mortos durante a maratón de Navajas (Castellón) a pasada fin de semana. En total 830 atletas tomaron a saída da proba, que a súa vez está considerado o Campionato Galego da distancia.
David Pelísek, un estudante checo de Erasmus, gañou a súa primeira maratón cun tempo de 2 h 29’ 27’’, seguido do galego Víctor Xosé González, que cunha marca de 2 h 31’ 01’’ proclamouse Campión Galego, e o portugués António Moreira, que alcanzou a meta ás 2 horas, 33 minutos e 51 segundos.
Minutos máis tarde chegou a primeira muller e gañadora da proba, María del Rosario Figueroa, quen defendía o título de campiona do ano 2015 tanto de Coruña42 coma do Campionato Galego, e onte revalidou ambos os dous ao parar o reloxo ás 03 h 02’ 37’’, mellorando incluso en 3 minutos o tempo do pasado ano (03h 05’ 39’’). Completaron o podio na categoría absoluta feminina Beatriz Fernández, cun crono de 03 h 05’ 17’’, e Ana Baizán, con 03h 07’ 04’.
O podio masculino da proba 10k, na que participou o bicampión do mundo de Maratón, Abel Antón, viviu un sprint final moi disputado, cunha diferencia de tempo mínima entre o primeiro e terceiro clasificado. Edson Gómez corouse como gañador ao cruzar a meta aos 32’ 29’’, seguido de Eduardo Valcarce, cun crono de 32’30’’, e Alejandro Álvarez, que se fixo co terceiro posto cun tempo de 32’ 32’’. 
Na categoría feminina, Inés Papin e Karina Callón, primeira e segunda clasificadas respectivamente, entraron xuntas da man aos 41 minutos e 39 segundos. Completou o podio Noemí Moral, cuxo reloxo marcou os 42 minutos e 52 segundos.
O Concello da Coruña despregou para a celebración desta edición do Maratón Coruña42 un dispositivo especial tanto de mobilidade coma de seguridade durante toda a mañá.
Un equipo de 161 persoas, integrado por membros da Policía Local, Protección Civil, Cruz Vermella, persoal do Servizo Municipal de Deportes, así coma voluntariado das escolas deportivas municipais, Facultade de Fisioterapia da Universidade da Coruña e Colexio de Podólogos de Galicia termaron da seguridade e benestar das e dos deportistas. 
Tamén participaron coma voluntarias 58 persoas dos clubs de atletismo da cidade, (Riazor Coruña, Marineda Atlético e Coruña Comarca), que colaboraron co persoal municipal tanto nos distintos puntos de avituallamento coma nos caixóns de saída e meta. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, que participou na entrega de premios tanto de Coruña42 como da proba 10K, agradeceu a labor “fundamental” tanto dos corpos de seguridade como das persoas voluntarias “que onte axudaron a celebrar dun xeito exitoso unha proba que reúne a deportistas profesionais e a aqueles que disfrutan de carreiras dun carácter máis popular, como a 10K”.

Pelísek e Figueroa venceron

Te puede interesar