De pai a fillo, a mesma paixón

De pai a fillo, a mesma paixón
Os dous grandes deportivistas posan con clientes, peñistas e amigos no local de hostelería que rexentan, Bodegas O Roxo, sempre engalanado coas cores do Depor fotos: javier alborés



Os soños daquel rapaz de aldea a principios dos anos sesenta en Arzúa voltáronse realidade máis de tres décadas despois vendo ao Deportivo competir en Primeira División cos mellores equipos de España e Europa. Xosé Manuel Rodríguez, ‘O Roxo’, soubo prosperar na vida no mundo da hostelería sempre vencellado ao equipo dos seus soños e ademáis logrou transmitirlle ao seu fillo a paixón polo RCD.
Directivo da Federación de Peñas durante tres anos, cedeu a testemuña ao seu fillo Damián, actual vocal da directiva federativa encabezada por Tania Gómez. Ámbolos dous falan da súa visión sobre o Depor e a súa afección.

–¿Cantos anos levades de deportivismo?
–Xosé Manuel. A primeira vez que vin a A Coruña foi en 1962 cando era un neno para velo Teresa Herrera entre o Benfica campeón de Europa e o Deportivo. Lembro esa data, o 9 de setembro de 1962.

–Desde entón mil vivencias e viaxes, supoño...
–X.M. Claro, sempre fun un argalleiro, con dez ou doce anos iamos xogar desde Arzúa a Melide e eu organizaba viaxes, tamén a A Coruña para ver o Depor contra o Madrid, Barça ou Celta.

–¿E como foi o teu paso á Federación de Peñas?
–X.M. Foi moito máis recente porque veu buscarme Miguel Otero hai catro anos e estiven tres anos e algo. Foi unha grande satisfacción achegar o Depor á xente e poder coñecer afeccionados de todos lados.

–¿Por que eres tan apreciado na cidade e particularmente no deportivismo?
–X.M. Creo que pode ser polo meu carácter aberto e porque fago amigos con facilidade. Nunca lle nego axuda a ninguén e pouco a pouco a xente vaise coñecendo e facendo amizade.

–¿Que porcentaxe ten Xosé Manuel en que o seu fillo sexa ‘fan’ total do Depor?
–Damián. Moito, xa me levaba con seis ou sete anos a Riazor. Pouco despois tiven o meu propio carné e xa cumplo 25 anos de socio. Desde que me levou sempre me gustou moito. Lembro ao primeiro xogador que me impactou, Donowa. Jorge, Vicente, Gil eran os futbolistas que marcaron os meus inicios en Riazor.
–¿Como foi o teu primeiro ano na Federación?
–D. Houbo moito traballo mais fiquei moi contento porque coñeces moita xente boa e fas moitos amigos; tivemos moitas viaxes, a Asamblea fin de curso e moitas actividades. Estamos a planexar tamén un torneo de fútbol entre seareiros do Depor.

–¿Cal foi o teu mellor momento neste ano?
–D. Foron moitos mais penso que o mellor foi o desplazamento a Sevilla, moito ambiente con 800 persoas. Foi unha festa.

–¿E o peor?
–D. A segunda volta do equipo foi moi dura, malos resultados... Sofremos de máis.

–¿Como valoras o traballo da nova Federación?
–X.M. Estou moi sorprendido de que o están a facer moi ben, están facendo moitas cousas pola nosa xente e polo clube.

–¿Cal é o segredo da afección do Depor, a novena con mellor afluencia da Liga?
– X.M. A xuventude está entregada ao Depor. Os que somos maiores tiñamos como referentes a Madrid ou Barcelona mais agora os rapaces de vinte anos non queren saber nada e pasan deles e fan moi ben. Vexo centos de rapaces pola rúa coa camiseta do Depor e eso é un orgullo.

–Acadouse este ano a sintonía co Consello de Administración do propio RCD...
–D. A directiva deunos o seu apoio desde que chegamos, axudáronnos moito na financiación de viaxes e a verdade é que estamos agradecidos.

–¿Que tal foi a Asamblea fin de curso?
–D. Moi ben, a xente saíu moi contenta. Atopamos compañeiros impresionantes que nos deron as grazas por todo o que fixemos. Faláronnos e déronnos moitos ánimos para continuar.

–¿Será complicado mellorar os datos deste ano, con 12 viaxes organizadas e máis de 6.000 adeptos do Depor lonxe de Riazor?
–D. Temos que tentar igualar porque o listón quedou moi alto. Loitaremos por mellorar.

–¿Gústavos Garitano?
–X.M. É o adestrador do Deportivo e temos que apoialo.
–D. Non era dos meus favoritos mais unha vez que é o noso, é o mellor para o Depor.

–¿Cal debe ser a meta do Depor 16-17?
–D. Debemos salvarnos tranquilos e se cadra aspirar a algo máis. Non debemos ter problemas.

–¿Seguiredes con forzas neste curso?
–X.M. Por suposto. Animaremos coma sempre.

De pai a fillo, a mesma paixón

Te puede interesar