O coleccionista de soños

O coleccionista de soños
O seareiro branquiazul Iván Beceiro posa para este xornal no estadio de Riazor | javier alborés

Deportivista impenitente dende hai décadas, Iván Beceiro amosa o seu singular tesouro, unha colección de bufandas que foi amoreando co paso dos anos, ben sexa mercando ou intercambiando con outros seareiros herculinos.


“Concretamente teño 135 nestes intres, sempre vas cambiando algunha e conseguindo más; a máis antiga pertence ó ‘Superdepor’ —hai case 25 anos—, mentres que a máis nova é da semana pasada, da peña ‘Caña Derbas’ de Fene”, explicou.

“Cada unha ten unha historia diferente tras dela, lembro algunha que me ofreceu un amigo que é case como o meu irmán sevillano á que lle teño moito afecto... Moitas son de peñas blanquiazuis coas que coincido nas previas dos partidos mentres tomas algo coa xente e logras amizades que son o mellor que levas do mundo do fútbol”, engadiu.

O compoñente sentimental da meirande parte das prendas deportivistas resulta esencial, sobre todo en varias bufandas tricotadas a man por familiares que volcaron tamén a súa ilusión nas cores do RC Deportivo.
“A miña sogra Aurora fíxome varias para ir a Riazor, son as máis simples pero abrigan moito e resulta moi especial ir ao estadio con elas”, admite un fan que non dubida en recoñecer que o almaceamento da colección no seu fogar deparoulle algunha dor de cabeza.


“A muller díxome algunha vez que como trouxera máis bufandas saía pola porta con elas... Gárdoas nun arcón e para transportalas de vez en cando para amosarllas á xente uso unha mala”, comenta Beceiro, orgulloso de fotografiarse para a posteridade co seu legado branquiazul para as cámaras de dxt no propio estadio de Riazor.

“Para min é unha ilusión enorme poder facer estas fotos na casa de todo o deportivismo, serán unha lembranza extraordinaria para o futuro, un motivo máis para continuar a a ampliar o número de bufandas do Depor”, dixo.

Preguntado sobre o modo máis estrano de acadar algunha das 135 unidades que posúe na actualidade, Beceiro confesa que ata tivo que rascar o peto a través da rede de Internet para rescatar algunha ‘rara avis’.
“Lembro que compreille a un adepto do Valencia unha bufanda da nosa primeira Copa do Rei, ante o Valencia CF; contactei con el mediante a rede e aseguroume que seguro que me facía moita máis ilusión a min que a el mesmo; desde logo que acertou porque o 2-1 da final de 1995 foi un dos partidos máis emotivos dos que presenciei. O noso primeiro título, que abriulle ó clube o camiño cara a metas maiores”, concluíu.

O coleccionista de soños

Te puede interesar