martes 29/9/20

Manu Fernández: “Temos que ir con todo ata o final, agotar as balas”

Vocal da Federación de Peñas do RC Deportivo
O directivo da Federación de Peñas posa para este diario no bar que rexenta xunto á súa parella no barrio de Os Mallos, o Masramón | aec
O directivo da Federación de Peñas posa para este diario no bar que rexenta xunto á súa parella no barrio de Os Mallos, o Masramón | aec

Incondicional do RC Deportivo desde prácticamente o berce e presidente da agrupación branquiazul ‘Chaflán’, Manuel Fernández deu un paso adiante a finais de 2019 para botar unha man á directiva da Federación de Peñas en tempos convulsos, co equipo en serios problemas para manterse en Segunda División.

Disconforme coa nova negativa da Liga de Fútbol Profesional a unha liga de 24 equipos coa que paliar o inmenso dano feito ao deportivismo, asegura que a Federación continuará en loita ata que se faga xustiza co clube coruñés.

Decepcionado pola decisión inmobilista da LFP?
A verdade é que decepciona o que lles tes fe; neste caso como non lle teño ningunha fe á Liga de Fútbol Profesional pois non hai decepción. É unha confirmación da pésima xestión da Liga, dos seus membros e dun presidente absolutista como Javier Tebas Medrano.

Custa atopar unha explicación ao tratamento que recibiu o Depor na última xornada...
Si, a decisión de hoxe —onte para o lector— xa é a guinda do pastel, facendo as cousas a última hora para demorar todos os prazos. Son conscientes da razón que a xustiza ordinaria lle pode dar ao Deportivo. Hai equipos que xa comezaron a pretempada e a Liga quere xogar con ese factor.

Confías en que o CSD falle a favor do Deportivo?
Co silencio que amosou ata agora non ten moitos visos de que falle a favor; unha das súas funcións é a de cesar a responsables de asociacións deportivas que non cumpren coa legalidade. Temos que ir con todo ata o final, hai que agotar todas as balas. O CSD ten que tomar unha decisión conforme a dereito e cesar a Tebas, inhabilitalo. Arrimou a ascua á súa sardiña en temas económicos de empresas que rodean ao Fuenlabrada nas que ten poder, a nivel familiar co seu fillo neste clube e todo o tratamento temerario no tema sanitario co desprazamento do ‘Fuenla’ á nosa cidade. Escondeuse en todo momento, seguramente asesorado por alguén, non se quixo expoñer como adoita facer e iso demostra que non as ten todas consigo.

Que sentimento percibes a día de hoxe na afección do Depor?
A xente está moi implicada na defensa do noso clube, con cada inxustiza a preocupación é maior, máxima, sempre solicitando información para axudar ao Deportivo. Do outro lado están tentando demorar todo para aminorar a carraxe da nosa xente, unha táctica propagandística moi antiga que non debe ter efecto no deportivismo. 

Para os que aínda non te coñezan, como e cando comezaches a ser ‘fan’ deportivista?
Desde pequeniño, como moitos da miña promoción da miña xeración, do 76; vivimos cousas moi bonitas como as promocións fallidas, o ascenso a Primeira... co meu tío sempre ía ao estadio cada 15 días sendo un neno. Co paso do tempo sustituín a Alberto Rodríguez como presidente da peña ‘Chaflán’ e a finais de 2019 aceptei a proposta da directiva da Federación de Peñas para pasar a formar parte da directiva.

Agardabas un ano tan difícil en todos os eidos?
A tempada xa empezara cunha mala xeira de resultados pero seguimos traballando con ilusión no plano deportivo e tamén en campañas benéficas, torneos on-line para os peñistas e todas as iniciativas tras o 20 de xullo como a marcha motorizada ou unha cadea humana que finalmente non  se levou a cabo. 

Esta campaña cebouse o infortunio co clube en forma de fichajes discretas, malas arbitraxes, lesións, peche do estadio por forza maior...
No partido de ida da final do playoff do ano pasado deuse un xiro de 180 grados. Levábamos unha vantaxe de 2-0 pero un adestrador nefasto como Martí non estivo á altura. Desde ese intre invertiuse totalmente a tendencia do Depor actual. Foi fatídico e todo o mal se arrastrou cunha planificación deficiente de Carmelo del Pozo. Non foi normal non gañar 19 partidos seguidos. Levounos deportivamente a Segunda B pero agardamos a que nos poidamos defender como temos que facelo para non abandonar o lugar onde temos que estar.

Cres que o Depor foi o equipo máis perxudicado polo peche dos estadios coa pandemia?
Si, a xente involucrouse moito, había entradas de 24.000-25.000, das mellores da Liga. Debemos aunar esa inercia, nas malas moito máis e debemos revertir todo o mal rollo actual do lado do equipo, con orgullo e a cabeza alta.

Temes un descenso significativo do número de socios do clube no hipotético caso de baixar a Segunda B?
Vexo máis probable que este fose pola incertidume do Covid e non pola afección; o Depor non vai ser un cabalo perdedor  e a súa xente volcarase como sempre o fixo e o fará.

Manu Fernández: “Temos que ir con todo ata o final, agotar as balas”
Comentarios