Homenaxe no Concello a Irene Martínez Santiago

Homenaxe no Concello a Irene Martínez Santiago
Xulio Ferreiro entregoulle unha figura da Torre de Hércules | aec

O alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, recibiron onte no Pazo de María Pita a Irene Martínez, gañadora da medalla de bronce no Campionato de Europa de Halterofilia na categoria -63 quilos, na modalidade de arrancada. A deportista herculina vén de acadar tamén, na última Copa de España, o terceiro posto na categoría absoluta.
O rexedor sinalou que o acto de onte “serve de espazo para recibir e recoñecer o esforzo, a dedicación e o traballo de Irene, así como a importancia do deporte base e das disciplinas minorizadas”.

“Se hoxe celebramos a súa medalla é polo traballo dos clubes, polas horas de soidade e polo seu esforzo. Deportistas, adestradores e adestradoras levan anos traballando na cidade sobre uns principios de deporte integrador, aberto, que potencie a inclusión social e a igualdade. Uns valores que dende o Concello da Coruña consideramos que deben estar na base da práctica deportiva e por iso a nosa intención e das iniciativas que poñemos en marcha están enfocadas a estender estes principios, que nós consideramos que é o deporte ben entendido, o deporte que fai veciñanza e comunidade”, apuntou Ferreiro na súa intervención.
A este acto tamén asistiron o presidente da Federación Galega de Halterofilia, Óscar Fernández, e o seu director técnico, Ferenc Szabo.

Homenaxe no Concello a Irene Martínez Santiago

Te puede interesar