jueves 22/10/20

“Gañar un campionato de España é complicado, aínda que sexa de tute”

 Non estaba nos seus plans competir en tódalas probas do Campionato de España de Rallis de Terra, no que non participaba de xeito regular dende 2007.

Non estaba nos seus plans competir en tódalas probas do Campionato de España de Rallis de Terra, no que non participaba de xeito regular dende 2007. De feito, perdeuse a primeira cita puntuable, en Lorca (Murcia) e só por proximidade disputou a segunda, en Curtis. Gañou e, dende entón, iniciou unha carreira cara un título que non acadaba un galego dende mediados dos oitenta.

–Fixo historia, Amador, e case sen querer.
–Si. Gañar un Campionato de España sempre é complicado, aínda que sexa de tute. Xa no 2005 conquistei o de Rallis de Terra do grupo N, pero nunca o absoluto.

–¿Que pasou en Curtis para tomar a decisión de facer o resto do Nacional?
–Non só gañei, senón tamén que vin que estaba nos tempos dos favoritos. Vimos que tiña opcións e o meu patrocinador principal, Disiclín, dixo que me apoiaba e decidimos seguir.

–¿E despois?
–Fun quinto en Málaga, primeiro no Bierzo, sétimo en Cervera (Lleida), cando ía líder, e este último sábado, en Riolobos (Cáceres) era a derradeira proba. Só tiña dous puntos de vantaxe co meu principal rival e necesitaba gañar. Pero el tivo un accidente e entón só necesitaba acabar entre os nove primeiros. Xa llo comentei ao meu copiloto, Francis Lema. Foi un Ralli atípico, pois empezamos moi rápido para intentar gañar e acabamos moi despacio para asegurar os puntos que nos desen o título.

–¿Como foi a celebración?
–Algo fixemos despois do Ralli. Pero pouca cousa que o luns tiñamos que traballar na miña empresa, que tamén está vencellada co motor e ca competición. Xa de volta na casa é cando empezas a crer o que acadamos. E creo que me están preparando unha recepción en Vimianzo.

–Agora que é o campión, ¿ve o futuro máis claro?
–Non sei se o ano que ven defenderei o título. Se sae un proxecto bo, ben. Se non, pois seguirei como ata agora co meu traballo.

–¿De que persoas se acorda nestes días?
–De toda a xente que me axudou, dos meus patrocinadores..., isto é un éxito familiar, porque collimos un Volskwagen Polo e entre todos (un curmán, meu irmán, meu pai...) fixemos un coche campión de España.

–¿E que se sinte ao quedar por diante de pilotos do prestixio de Nani Roma?
–É algo moi bonito. Nani Roma é profesional, adícase só á competición e ten un terreo enorme en Cataluña con circuito e todo, onde adestra. Estar por diante del é fantástico.

–E amosouse de novo que Galicia, ademáis de ter bos pilotos, ten un nivel tecnolóxico moi alto?
–Si, porque aquí hai empresas que preparan moi ben os coches e iso é valorado. Sen ir máis lonxe, nos preparamos os do equipo de Suzuki España.

Comentarios