jueves 24/9/20

“Teño respecto absoluto pola Ponferradina, á súa afección e Claudio”

Fernando Vázquez mostrou onte a súa sorpresa pola reacción de Claudio Barragán, adestrador da Ponferradina, despois de que o técnico coruñés manifestase o pasado mércores que El Toralín é un campo no que a ‘nave’ branquiazul debe sumar os tres puntos.

O técnico, durante o adestramento de onte	              quintana
O técnico, durante o adestramento de onte quintana

Fernando Vázquez mostrou onte a súa sorpresa pola reacción de Claudio Barragán, adestrador da Ponferradina, despois de que o técnico coruñés manifestase o pasado mércores que El Toralín é un campo no que a ‘nave’ branquiazul debe sumar os tres puntos. O preparador do conxunto berciano interpretou as declaracións do de Castrofeito como un menosprezo aos seus futbolistas. Intención que nunca tiveron as palabras de Vázquez, segundo explicou o propio adestrador deportivista onte.
“Non sei que puido entender porque en todo caso lle lancei piropos ao seu equipo. En toda a miña traxectoria nunca lle faltei o respecto a ninguén, nin a un adestrador. Sempre admiro os rivais. No caso da Ponferradina, teño un respecto absoluto ao consello de administración, a esa afección, que é impresionante, e tamén aos seus xogadores. Admiro moitos deles e mesmo a algúns deles me gustaría telos no meu equipo. É un equipo interesante e bonito e tamén respecto a Claudio Barragán, que, ademais, foi un futbolista cun peso específico dentro do fútbol español”, asegurou o preparador branquiazul, quen quixo aclarar que mostrarse convencido de que o seu equipo pode sumar esta tarde o seu cuarto triunfo consecutivo non significa menosprezar o adversario.
“Creo que é normal que eu confíe no meu equipo e diga que me sento capacitado para gañar alí, pero iso non é falta de respecto senón confianza nos meus xogadores, se non, a que imos alí tanto nós coma moitos afeccionados do Deportivo se non é para gañar”, puntualizou.
O estratego do cadro coruñés recoñeceu que “o que pense Claudio Barragán” lle “trae sen coidado” e admitiu que “o que me molesta é o que poida pensar unha afección á que teño tanto respecto”.

non ve mala fe en claudio
O venres, o adestrador da Ponferradina contestou a Vázquez atacando o estilo de xogo do Deportivo. O estratego do conxunto herculino prefire non pensar que o seu homólogo na ‘Ponfe’ pretende quentar o partido, dado que ambos os dous equipos pelexan polo ascenso.
“Non sei cal é a súa intención, pero as miñas palabras non buscaban iso. Non quero pensar que estea a buscar algo gratuitamente. En todo caso, entraría dentro do lexítimo dun adestrador, pero eu quero deixar claro o meu respecto á cidade, a eses xogadores e a ese equipo e mesmo a Claudio Barragán, que creo que está a facer un magnífico traballo”, sentenciou, e recordou que hai varias tempadas estivo a punto de dirixir o equipo berciano.
“É unha razón máis pola que lle estou súper agradecido a unha xente excepcional, marabillosa,” dixo.
Vázquez cre que a derrota que a Ponferradina encaixou a pasada semana no seu campo fronte ao Lugo pode favorecer o Deportivo, posto que os integrantes do conxunto leonés poden saltar ao campo máis inseguros.
“Un equipo que perde na súa casa, ao día seguinte non ten tanta seguridade, así que eu o leo por aí. Perdeu contra o Tenerife, perdeu contra o Lugo, entón agora teñen esa sensación de que non están tan fortes”, sinalou.

aínda deben dar máis
O adestrador branquiazul insistiu en que aínda hai xogadores do Depor que non alcanzaron o seu mellor nivel, sobre todo en ataque, malia os bos resultados que obtivo o equipo nas últimas xornadas.
“Sigo dicindo que temos un cacho grande para mellorar no aspecto ofensivo, temos que ser moito mellores e moitos dos meus xogadores teñen moito máis que dar. Está a custar que o saquen e creo que temos algo máis, a ver se o conseguimos sacar”, analizou, e asegurou que futbolistas como Arizmendi, quen recoñeceu que xoga con algo de ansiedade, deben quitar esa presión de enriba para conseguir render no campo.
“A ansiedade produce unha tensión que che impide competir ao teu máximo nivel. O talento maior dun futbolista é dar o nivel que ten nos partidos. E hai que traballar nese sentido. Do medio do campo para adiante podemos mellorar colectivamente e tamén a nivel individual”, afirmou.

“Teño respecto absoluto pola Ponferradina, á súa afección e Claudio”
Comentarios