Fernando Vázquez : “Estou preocupado, é o segundo córner que nos fixo perder un partido”

Fernando Vázquez : “Estou preocupado, é o segundo córner que nos fixo perder un partido”
fernando vázquez entrenador del rc deportivo

O adestrador do Deportivo, Fernando Vázquez, confesou onte sentirse preocupado polos erros que están a cometer os seus xogadores a balón parado, sobre todo á hora de defender os saques de esquina, e que xa lles custaron dúas derrotas esta tempada. A última, o pasado sábado contra o Tenerife.
Malia que entende que sempre poden cometerse erros illados, mostrouse molesto co feito de que estes fallos sexan debidos á falta de concentración dos seus futbolistas en momentos puntuais do xogo.
“Estou preocupado, é o segundo córner que nos marcan e que nos fixo perder un partido que non teriamos perdido se non fose por esa xogada. Resolver esas xogadas, aínda que pareza doado non o é. Estabamos avisados porque no primeiro tempo houbo un remate parecido, pero son momentos nos que falla a tensión, a atención ou a concentración. Intentarei que iso non se volva repetir pero por moito que se intente, erros sempre vai haber. pero o problema grave do equipo é a capacidade de impoñer o seu fútbol”, apuntou o estratego branquiazul tras a sesión de adestramento de onte.
Pero os erros nas xogadas de estratexia non son a única preocupación do preparador deportivista. Ao de Castrofeito tamén lle inquieta a incapacidade dos seus xogadores para crear perigo, posto que a falta de profundidade en ataque e a ineficacia ofensiva son o principal talón de Aquiles dos branquiazuis.
“Temos que mellorar, ter un sentido de fútbol máis profundo, máis vertical. Temos a posesión, é a realidade, pero a posesión é unha estupidez cando o coitelo está romo. Nós temos un coitelo que non corta. É un hándicap tremendo que temos”, recoñeceu o preparador deportivista, quen se mostrou contrariado polo feito de que nas últimas xornadas, o seu equipo mande no terreo de xogo, pero esta posesión sexa estéril á hora de fabricar ocasións.
Aínda que está convencido de que os seus futbolistas necesitan limar as súas carencias, admitiu ser “moi esixente” co seu equipo e cre que o Deportivo non está “moi lonxe dos mellores da categoría”.
“Hai aspectos nos que estamos de notable a nivel defensivo. A nivel ofensivo, estaba afeito a analizar partidos de Primeira e ás veces considero que son demasiado crítico co equipo porque vexo outros partidos de Segunda e penso que non estamos tan lonxe. É unha cuestión de perspectiva. Non estamos moi lonxe dos mellores da categoría a pesar de todo”, puntualizou.
De feito, o adestrador herculino mostrouse seguro do potencial e da marxe de mellora dos seus futbolistas, aos que ve capacitados para competir con garantías en Segunda División.
“Creo no equipo, nos meus futbolistas e en que imos mellorar. Non é unha pose, é unha realidade. Creo que imos mellorar. Estamos facendo as cousas bastante ben”, dixo.

a entrega de Rudy
Rudy é outro dos nomes sobre os que falou o técnico de Castrofeito. Malia que nos partidos o dianteiro portugués dá a sensación de facer a guerra pola súa conta e parece non conectar co xogo dos seus compañeiros, Fernando Vázquez eloxiou a entrega e as ganas do luso.
“Ten virtudes e defectos como todos. A gran virtude é a súa entrega absoluta, querer participar constantemente, ter a pelota. E iso ás veces lévao a cometer erros. Moitas veces quere resolver as situacións por si mesmo e ten que darlle a pelota a outro. Pero gabo as súas ganas de participar, algo que ás veces se bota de menos noutros futbolistas”, asegurou o preparador branquiazul, quen insistirá na idea de utilizar a Álex Bergantiños como parella de Insua no eixe da zaga porque, segundo admitiu, está satisfeito co rendemento que está a ofrecer o mediocampista nesta posición.
“De momento estou a decidir que os centrais do equipo sexan Álex e Pablo e estou contento co seu rendemento. Cando considere que a posición de Wilk pode ser cuberta por Álex, entón virá ese cambio”, afirmou e deixou caer que Carlos Marchena, xogador que el mesmo pediu en verán e que, non obstante, apenas está a entrar nos seus plans esta tempada, necesita “mellorar” a súa condición física para gañar un posto no once.
“O equipo é necesario para toda a tempada, para salvar unha tempada non para que neste momento determinado xoguen os 18. Marchena ten que prepararse mellor e esperar como todos os futbolistas. Eu, como adestrador, estou nunha posición pero non son inflexible. Os meus gustos van cambiando e ao mellor agora aposto por uns xogadores pero logo dou entrada a outros. Agora mesmo estou contento co rendemento de Álex nesa posición”, sentenciou ao respecto.
Aínda que durante a sesión de adestramento de onte, Fernando Vázquez incluíu a Antonio Núñez nun dos onces que probou, o técnico do cadro coruñés recoñeceu que o interior dereito madrileño aínda non está en condicións de xogar de inicio.
“Considero que de momento non está para xogar noventa minutos. Podería estar para 45 ou 40, pero ten que seguir adestrando”, explicou o preparador da escuadra branquiazul para finalizar a rolda de prensa que ofreceu en Abegondo.

Fernando Vázquez : “Estou preocupado, é o segundo córner que nos fixo perder un partido”

Te puede interesar