Fernando Vázquez: “A miña sanción paréceme case alarmante”

Fernando Vázquez: “A miña sanción paréceme case alarmante”
o técnico confía en que a súa plantilla non baixe a intensidade no envite de mañán no estadio ciutat de valencia patricia g. fraga

O técnico do Deportivo, Fernando Vázquez, considera “case alarmante” a decisión do Comité de Competición de sancionalo con dous partidos por dicirlle “es incrible” ao cuarto árbitro do encontro da pasada fin de semana ante o Zaragoza, no que foi expulsado aos 88 minutos.

“Non esperaba a sanción, ou si, porque visto o visto. Paréceme case alarmante, sorprendente si, porque non fixen absolutamente nada e que te deixen sen traballar dous días no traballo de máis calidade que tes, que é dirixir o partido, é incomprensible”, comentou nunha rolda de prensa.

O clube coruñés presentou onte ante o Comité de Apelación un recurso contra a resolución de Competición, organismo ao que criticou o preparador deportivista, que foi expulsado ante o Zaragoza por “protestar persistentemente ao cuarto árbitro cando este lle indicaba que non saíse da área técnica”, segundo reflexou a acta do partido.

“Alegamos algo e a ver se me tiran a sanción. Son os comités os que castigan, non o árbitro. A min, expulsoume o cuarto árbitro, a acta non se axusta á realidade, eu non protestaba, falaba, e o Comité de Competición sancióname. Poderiamos dicir que me castiga o propio clube porque o que elixe o Comité é a Liga e a Liga son os propios clubes”, razoou o míster.

“O dereito ao traballo dun adestrador está por riba de calquera parvada que pode ser administrativa. Paréceme moi forte que che impidan dirixir o teu equipo. Vou recorrer porque o importante é estar cerca dos xogadores”, agregou.

O técnico preguntouse pola “orixe destas decisións tan duras cos adestradores”, que esta tempada se reuniron cos árbitros ante as numerosas expulsións que sufriron.

“O que eu fixen podería ser amarela e xa me parecería esaxerado. Pasaba o cuarto árbitro e díxenlle: ‘Es incrible’. Non incrible no sentido de magnífico, senón en sentido pexorativo, esa é a verdade”, declarou Fernando Vázquez.

Non sendo que Apelación lle levante o castigo, Fernando Vázquez non poderá sentarse no banco do Ciudad de Valencia, pero anunciou que verá o encontro preto desa zona.

 

non baixa-lo pistón

O máximo responsable do banco deportivista pensa que a súa escadra atópase no camiño certo para a salvación mais avisa de que os xogadores non deben baixa-la intensidade nos vindeiros compromisos.

“O problema que nos pode pasar é decir que ‘xa está ou case está’. O equipo tamén pode sufrir que estabamos nunha situación límite e todo o mundo daba todo por perdido e arriscar era más fácil e máis lóxico, cando empezas a ver cousas perto o equipo podería cambiar, mais para iso estamos nós,  para evitar que ocurra iso”, incidiu.

Vázquez expresou o sentir do vestuario respecto á importancia das tres victorias seguidas que o RC Deportivo conseguiu frente a rivais directos na súa batalla pola permanencia, Celta, Mallorca e Real Zaragoza. “É unha forza tremenda. O equipo interiormente cambiou. Véxoo adestrar. Ata a min paréceme mellor. Antes parecíame que tiraban por fóra en portería pequena e agora por dentro. O equipo está máis cómodo, máis alegre. É un equipo alegre, dinámico, en inercia positiva e todo empeeza a ser posible”, agregou.

Antes de conclui-la súa intervención, Fernando tamén quixo enviar unha mensaxe de agradecemento á masa social da entidade coruñesa.

“Sobre a afección sigo a pensar que estarán detrás sempre. O clube a necesita. O futuro do equipo está máis en mans da afección que do plantel”, dixo.

Fernando Vázquez: “A miña sanción paréceme case alarmante”

Te puede interesar