A décima edición será o 18 de febreiro

A décima edición será o 18 de febreiro
A proba comezará ás 10.00 horas e percorrerá diferentes rúas do núcleo urbano do municipio coruñés | aec

A décima edición da Media Maratón Coruña21, a primeira das tres grandes carreiras da tempada, celebrarase o domingo 18 de febreiro. A proba, que percorrerá o núcleo urbano do termo municipal, terá a súa saída e meta no Canton Grande e contará cun trazado de 21.097,50 metros homologado pola Real Federación Española de Atletismo.
O Concello mantén aberto o prazo de inscrición á proba, que se pode realizar a través da web da Federación Galega de Atletismo, www.carreirasgalegas.com , até as 00.00 horas día 10 de febreiro, así como de forma presencial (até este sábado) no Departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal e no Marineda City, ademais dos centros da entidade en Santiago e Vigo.
A cota de inscrición para todas aquelas persoas de colectivos sen bonificación, até o día 10 de febreiro, será de 15€ e, a continuación, abrirase un segundo prazo extraordinario do 11 ao 13 de febreiro, no que o prezo será de 25€. Non se aceptarán inscricións fóra destes dous prazos establecidos.
No caso do colectivo que se poida beneficiar da bonificación do 50% (maiores de 65 anos, posuidoras do Carné Xove ou desempregadas), as persoas deberán acreditar estas circunstancias a través dunha declaración responsable no momento de formalizar a inscrición e, a continuación, enviar os documentos correspondentes (fotocopia do DNI e do Carné Xove, así como do informe de períodos de altas e baixas expedido polo INEM antes do día da inscrición na carreira ou fotocopia do cartón de desemprego) antes das 00.00 horas do 10 de febreiro.
O goberno local lembra que, nesta ocasión, ao igual que nas dúas últimas edicións da proba, Coruña21 manterá o seu carácter accesible ao permitir a participación de deportistas en cadeira de rodas.

Recollida de dorsais
Unha vez formalizada a inscrición, as persoas participantes poderán recoller os seus dorsais (que incluirán un código QR para rexistrar os tempos), que serán de uso persoal e intransferible, os días 16 e 17 de febreiro no Departamento de Deportes de El Corte Inglés no centro comercial Marineda City, en horario de 17.00 a 21.30 horas o venres 16, e de 10.00 a 21.30 horas o día 17.
As e os atletas que non poidan recoller os seus dorsais nestes horarios, poderán facelo o propio día da proba, na zona da saída, entre as 8.00 e as 9.00 horas.
A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que a inscrición, así como o uso de dorsal, é imprescindible para a cronometraxe.
A Media Maratón comezará o domingo 18 ás 10.00 horas da mañá. As e os atletas sairán do Cantón Grande cara a Linares Rivas, e pasarán pola praza da Palloza, avenida do Exército, estrada do Porto e a rotonda de Oza, onde darán a volta até a rotonda das Ánimas. Unha vez alí, volverán até o Obelisco para iniciar a segunda volta, na que farán o mesmo percorrido ata chegar á rotonda das Ánimas, onde continuarán até o Paseo Marítimo-Pelamios. Desde alí encararán os últimos tres quilómetros de Coruña21 até chegar á meta, no Cantón Grande.
O peche da carreira realizarase ás 12.30 horas, dúas horas e media despois da saída e, como na pasada edición este ano, establecerase un tempo de 1 hora e 15 minutos para o paso polo 10 km. Pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, así como á distancia total, as persoas participantes que permanezan na carreira deberán retirarse da competición.
Ao igual que outras probas populares do Concello, o Medio Maratón ofrecerá unha serie de servizos para facilitar a participación das e dos usuarios, que contarán cun servizo de gardarroupa e de duchas ao finalizar o percorrido, ademais de asistencia médica e avituallamento.
De cara á preparación da Media Maratón Coruña21, así como da Maratón Atlántica, o Servizo Municipal de Deporte do Concello e o Club Hércules Termaria ofrecen un programa de adestramentos nas fins de semana.
As vindeiras sesións terán lugar este domingo, a partires das 11.00 horas, e o sábado 10, ás 11.00 horas.

A décima edición será o 18 de febreiro

Te puede interesar