Aberto o prazo de inscrición

Aberto o prazo de inscrición
A proba sairá da avenida da Habana | patricia g. fraga

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento abriu onte o prazo de inscrición para participar na décima edición de Coruña10, a carreira popular de maior traxectoria das organizadas polo Concello herculino.
A proba, que se celebrará o próximo 8 de outubro, reforzará o carácter integrador e inclusivo promovido desde a pasada tempada pola área que dirixe José Manuel Sande, e facilitará, de novo, a participación de atletas en cadeira de rodas.
O circuíto, homologado pola Real Federación Española de Atletismo, ten un perfil practicamente chairo, que transcorrerá pola calzada do tráfico rodado, sen utilizar ningunha zona peonil, e partirá, como nas dúas anteriores edicións, da avenida da Habana ás 10.00 horas.
As e os deportistas populares percorrerán, desde xeito, 10.000 metros polo Paseo Marítimo da enseada do Orzán, achegándose dun extremo a outro do mesmo, entre as rotondas do Millennium e Torre de Hércules. A meta situarase, de novo, fronte o Pazo dos Deportes de Riazor.
En Coruña10, proba na que poderán participar persoas maiores de 18 anos, estableceranse as seguintes categorías: Junior (atletas do ano 1998-1999), Promesa (1995, 1996 e 1997), Senior (desde 1994), catro modalidades de veteranos en función da idade e, por último, a de persoas discapacitadas que disputen a proba en cadeira de rodas (nadas ou nados en 1999 e anos anteriores).

Os premios
Haberá recoñecementos para as primeiras persoas clasificadas de cada categoría, así como para as e os primeiros atletas locais e de Galicia, nunha cerimonia que terá lugar desde as 13.00 horas.
A organización, ademais, premiará a todas aquelas persoas que superen o récord da proba, sendo este de 28:09 na categoría absoluta masculina, e 31:40 na feminina.
Tal e como é habitual nesta proba popular, e de cara a fomentar a práctica deportiva, haberá carreiras para menores de idade, nas que poderán participar nenas e nenos desde ano 2012 até o ano 2001.
Así, en función do ano de nacemento, estableceranse as categorías prebenxamín (2010, 2011, 2012), benxamín (2008 e 2009), alevín (2006 e 2007), infantil (2004 e 2005), cadete (2002 e 2003) e xuvenil (2000 e 2001).
As tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría recibirán trofeos agás na categoría prebenxamín, na que todas e todos os participantes recibirán a súa medalla.
A inscrición para participar en Coruña10 poderá realizarse a través da web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com e até as 23.59 horas do 24 de setembro, e tamén de xeito presencial a partir do martes 1 de agosto, e ate o día 23 de setembro, no departamento de deportes de El Corte Inglés de A Coruña (Ramón y Cajal e Marineda), Compostela e Vigo.
A cota de inscrición é de 5 euros (agás para as persoas menores de idade, que é gratuíta), sen necesidade de alugar chip para a cronometraxe, xa que o dispositivo estará integrado no dorsal.
Unha vez finalice este prazo, desde as 00.00 horas do 25 de setembro, e até as 23.59 horas do día 1 de outubro, abrirase unha segunda quenda extraordinaria en www.carreirasgalegas.com , na que a cota será de 8 euros.

O regulamento
Na web www.coruna.gal/carreiraspopulares , que recolle información da tríade que Coruña10 forma xunto ás probas Coruña21, Coruña42, ademais do Circuíto Coruña Corre, pódese consultar o regulamento completo da carreira.
Neste espazo actualizaranse os servizos que terán as e os corredores o vindeiro 8 de outubro, así como outras novidades da competición.
Do mesmo xeito, o Goberno local vén de fixar as datas de celebración da tríade de grandes carreiras populares da próxima tempada. Así, o 18 de febreiro, A Coruña acollerá a décima edición do medio maratón Coruña21, mentres que o 15 de abril chegará o VII Maratón Atlántica Coruña42. Finalmente, a XII Coruña10 pechará a tempada deportiva o 7 de outubro do ano que vén.
Así, os atletas xa poden ter a previsión e cadrar datas tamén pensando nas grandes citas do 2018.

Aberto o prazo de inscrición

Te puede interesar