“Valerón ten corda para seguir”

Esta parece a última tempada de Valerón en activo, pero Fernando Vázquez defende a súa continuidade no céspede.

-O que non necesita clases é Valerón. No derbi volveuse ver un xogador con recursos ata o infinito.

-Sempre os tivo. Antes falábache dun talento, que é aguantar a presión. Outro é o de Valerón, o do seu sentido de xogo, de facer xogar un equipo, de coordinalo. É un crack mundial niso, sempre o manifestei, por diante doutros xogadores da súa época de moito maior prestixio que xogaron en equipos de moito maior nivel. Esa calidade de saber xogar para un equipo, de facer xogar a un equipo, de xogar contínuamente para o equipo, nada para el, saber cando frear, cando pasar, cando non pasar, cando xirar cara a outra parte, marcar os tempos sen ningún tipo de egoísmo persoal. Ese é Valerón. A nivel táctico-individual é impresionante, unha cabeza privilexiada. Volveuno demostrar ante o Celta e espero que sexa así por moitos anos, que non sexa o último ano de Valerón porque, se se coida a nivel físico e quere, creo que ten corda para seguir.

 

-Todos damos por feito que se xubilará, entre aspas, este ano. Ti non.

-Non. ¿Por que o vou dar? Non vexo razóns. É un rapaz que se coida, que está ben fisicamente. Evidentemente arrastra o peso do desgaste nas súas articulación, pero cun adestramento axeitado podería aguantar.

 

-¿A Valerón débeselle esixir menos desgaste na presión para que estea fresco para o que ten que estar?

-Por suposto que ten que estar para o que ten que estar, pero se te estou a dicir que quero que xogue nun equipo, ten que facer traballo doutro tipo tamén, a nivel defensivo. Sei que está capacitado e o está a demostrar. Está a correr como o que máis. Está a cumprir a súa función perfectamente. Hai que esixilo tamén nese sentido. Non hai que telo sentado nunha cadeira aí esperando que lle chegue a pelota. Pode traballar en grupo, dirixir o equipo. Niso tamén lle insisto, que non se dea por entregado, que pode seguir correndo e dando un rendemento físico importante tamén.

 

-Hai anos dicíase que era un xogador con pouco sangue. ¿Cambiou dun tempo para aquí?

-Creo que hai momentos nos que hai outros xogadores e nos que quizais non era necesario ese papel. Ás veces os xogadores teñen que esperar o seu momento. Valerón agora séntese necesario e quizais cumpre un papel que antes non cumpriu. Agora o Deportivo esíxelle liderado. Noutro momento quizais o levaron outro tipo de xogadores e el cando ten que dalo, dáo absolutamente todo e se se lle pide iso tamén o está a dar no Deportivo actual.

“Valerón ten corda para seguir”

Te puede interesar