“A afección está connosco, pero tamén é unha responsabilidade”

“A afección está connosco, pero tamén é unha responsabilidade”
el técnico saluda a un niño en el último entrenamiento patricia g. fraga

Fernando Vázquez conseguiu reflotar ao equipo e á afección. Polo menos, anímicamente. Deportivamente, deu o primeiro paso ante o Celta, unha vitoria revitalizante, osixenante, esperanzadora. Pero queda moito camiño por percorrer e a permanencia dependerá, en boa medida, do partido desta tarde e do da próxima semana ante o Zaragoza en Riazor.

“Cando cheguei ao equipo, unha das miñas pretensións e un encargo do presidente era procurar que todos fosemos no mesmo carro e a do venres foi unha mostra palpable, a afección está connosco e é bonito, pero tamén unha gran responsabilidade. Hai que estar á altura da afección e a esixencia é alta, temos que asumir ese reto e ir a Mallorca a buscar a vitoria”, declarou antes de partir cara á illa onde el ocupou o banco local na tempada 1999-2000.
Dende a vitoria ante o Celta, o Deportivo tivo uns días doces, pero un tropezón en Mallorca amargaría o pastel. Vázquez, ao contrario que o que di o seu segundo apelido (Pena), é unha persoa alegre e non concede un segundo a pensamentos de ton pesimista.
“Sabemos o peso da responsabilidade, nótase. Saber que unha cidade, unha afección está a esperar que lle corresponda o que che dá é unha gran responsabilidade, pero non é temor. Asumímolo como un reto, vemos o aspecto positivo, satisfacer a esa xente”, indicou.
Para compensar á afección e achegarse á batalla non queda outra que sumar os tres puntos en Son Moix, pero iso si, non hai que xogar á desesperada, senón con cabeza. “Temos que ir a buscar a vitoria. Engancharíanos outra vez. O Mallorca quedaría preto. Sería importante gañar alí. Evidentemente, non imos desorganizarnos, hai que ser intelixentes”, dixo.
“A cabeza é a que dirixe un pouco. Falamos de cousas tácticas, técnicas, pero o importante é que o equipo se mostre con confianza, con determinación, que faga cada cousa no seu momento, con intelixencia, estratexicamente”, agregou o adestrador de Castrofeito, que ía estar pendente na tarde de onte do Celta-Barcelona e do Zaragoza-Real Madrid.
“O noso obxectivo é gañar e iso non depende do que fagan Celta e Zaragoza, pero matematicamente as posibilidades poden subir se os que están preto non suman. Nós temos que centrarnos no Mallorca. Se gañamos sete partidos máis, estamos en Primeira”, calculou.
O míster non se fía do rendemento dos grandes na recta final dunha Liga que parece decidida. “Historicamente, os últimos partidos non son iguais que os iniciais. No medio do campionato é cando os equipos se mostran tal e como son. Nos últimos empezan as contas e iso inflúe. Foi sempre así. Seguramente este ano tamén se repita”, expuxo.
O milagroso é que o Depor siga con vida malia gañar só catro partidos. “É debido a como está configurada a Liga. Hai equipos que gañaron moitos puntos e equipos abaixo que perderon case todo. A clase media está a desaparecer na Liga española e hai ricos e pobres”, sinalou Vázquez.
Non deu pistas o míster do once que dispoñerá en Mallorca, pero afirmou que ter gañado o último partido non asegura que vaia repetir. “Eu procuro que o equipo mellore”, apuntou.
Vázquez traballou a preparación física no parón: “Mañá (por hoxe) é o test. Eu creo que o equipo vai chegar ben. Sempre coa dúbida de Abel, Pizzi ou Sílvio. Esa foi a pena. Tamén lle pasou ao Mallorca. Estaría máis tranquilo se os tres internacionais, o 30% do equipo que estaba a xogar, tivesen estado aquí a semana pasada”.
O técnico revelou un sono: “Soñei con gañar ao Mallorca, pero ás veces é mellor soñar o contrario. Din que cando un soña que morre se lle alonga a vida”.
Repartir puntos na illa, non interesa. “É probable que un empate lle sirva máis ao Mallorca que a nós. Manterían a diferenza. Aínda que estou convencido de que Manzano vai buscar a vitoria”, afirmou.
Fernando recoñeceu que non sabe como formulará o partido o rival, pero pode deducilo.
“Non estou na cabeza de Manzano, pero podo imaxinar a que me vai xogar vendo a clasificación. Non é un equipo atacador. Non o era con Caparrós e con Manzano parece máis estratéxico. Non vexo un partido de roubar doado e contraataque, senón máis parado, máis estático”, prognosticou.

“A afección está connosco, pero tamén é unha responsabilidade”

Te puede interesar